Dende que eramos cativos, as festas do San Froilán son un referente no calendario e foron, son e serán, escenario de encontro entre familiares e amigos. E case sen darnos conta pasou un ano e xa estamos na celebración destas nosas festas patronais, as máis bonitas do outono galego.
As festas falan de nós, e falan ben. Identifícannos dentro dunha tradición histórica e cultural e fano do mellor xeito posible, conxugándoa ao mesmo tempo coa modernidade.
Unha característica moi nosa é a celebración de actividades que, precisamente, nos recoñecen como pobo, como por exemplo o folclore, a gastronomía ou o desfile de gando, xa que somos un municipio moi rural; que se unen para que Lugo brille con luz propia. Pero se hai un día imprescindible para os lugueses e luguesas, e cada vez máis para quen nos visita estes días, é o Domingo da Mozas, unha cita que reúne moita tradición.
Non hai escusa para quedar na casa. O San Froilán vívese nas rúas, nas prazas, dende o feiral á Praza da Milagrosa, non hai recuncho ao que non chegue unhas patronais aptas para todos os públicos e idades, que non deixan de mellorar ano tras ano. Nove días de celebración, decenas de propostas distintas e toda a cidade entregada, porque é así, coa implicación da veciñanza como se vive o San Froilán. Volven os concertos, regresan as casetas do polbo, os pasarrúas e os reencontros, eses reencontros, sobre todo, en torno a un prato de polbo, que especialmente a min me recorda á miña época de estudante, pois ao longo dunhas festas traballei alí.
Lugo reloce dun xeito especial a principios de outubro. Toda Galicia olla á nosa cidade, chea de vida, onde nenos e nenas, mozos e mozas e adultos viven a festa. É especial para todos os e as luguesas que o viven en parte coa familia e en parte cos amigos. Lembro baixar ao feiral cos meus pais e comprar aqueles bastóns de caramelo que tanto me gustaban de cativa.
Lucenses e visitantes. Todos sen excepción gozan deste programa, un programa feito, sobre todo, a base de ilusión, e que é posible grazas ao empeño de moitas persoas, un programa pensado para todos e cada un de vós, que sodes a auténtica razón e principal motivo do San Froilán.
O Concello puxo moito cariño na organización das actividades dos vindeiros días. Estas festas son unha pequeniña pausa no intenso traballo que realizamos dende o Goberno para mellorar a calidade de vida dos nosos veciños e veciñas. Tras as nosas festas patronais frutificarán obras tan importantes como a humanización da Praza Agro do Rolo, e comezaranse os trámites para conseguir esa ansiada peonalización da Praza da Milagrosa ou de Quiroga Ballesteros.
Pero se as nosas festas son unhas boas festas é tamén grazas ao traballo da Policía Local, Bombeiros e Protección Civil, que despregan os seus efectivos durante estes días para que o resto poidamos vivir as festas en paz.
Remato falando de compartir. Unha palabra de moda por mor das novas tecnoloxías, que me vou permitir recuperar para falar dun pobo, das persoas que formamos parte del e das súas tradicións, como o San Froilán. Na sociedade na que vivimos, na que apremia máis a inmediatez non só do día a día, senón xa contabilizada por minutos nas redes sociais, quero chamar a compartir, pero a compartir momentos, afectos e espazos onde reencontrarnos como un pobo unido dentro da diversidade.
E o San Froilán é precisamente para iso, para compartir espazos nunha patronais que nos une como pobo, ás que nos entregamos con dedicación, as que nos axudan a saber o que fomos e nos permiten evolucionar cara un futuro mellor para todos. E permítanme pedirlles que esta implicación con Lugo se estenda ao longo de todo o ano.
«Un programa feito a base de ilusión e pensado para todos»
Ambiente das festas na rúa durante do San Froilán do pasado ano. FOTO