Chega a mostra agrogandeira ExpoLugo

Haberá exposición de gando, artesanía, degustacións gastronómicas e premios esta fin de semana

.

Sábado 7 e domingo 8 • 12.00-21.00 horas • Pazo de Feiras e Congresos de Lugo • Entrada de balde • A mostra agrogandeira ExpoLugo A Rural chega, un ano máis, ao Pazo de Feiras e Congresos de Lugo esta fin de semana. As actividades son variadas e dirixidas ao público en xeral. Entre elas, haberá concurso-exposición de raza Rubia Galega; exposición de razas autóctonas bovinas en perigo de extinción; concurso-exposición de exemplares de raza autóctona de porco celta; ou concurso monográfico provincial de Galiña de Mos.

Mercado alimentario

Nesta edición, segundo contaron os organizadores, que presentaron onte o programa oficial, haberá un mercado alimentario con produtos de razas autóctonas con máis de vinte expositores. Tamén contarán cunha mostra de artesanía do Centrad, cunha exposición de máis de 200 cabezas de gando e celebraranse tamén unhas xornadas técnicas de asociacións de gandeiros.

A cita, organizada pola Fundación Feiras e Exposicións de Lugo terá lugar nun espazo de máis de 6.000 metros cadrados e contará, ademais, con servizo de cafetería.

Entre as asociacións gandeiras de razas autóctonas que estarán presentes este ano en Lugo destacan Asoporcel, Asociación de Cabalo de Pura Raza Galega, Puraga, Ovica, Asovega, Avimós, Boaga e Acruga.

Cabezas de gando

Precisamente Acruga participa con 120 cabezas de raza Rubia Galega na exposición e con 100 exemplares no concurso. Ademais de animais de explotacións de Samos, O Corgo e Friol, levará á feira dous touros de Acruga e unhas vinte novillas do centro de recría da Granxa Gayoso Castro.

Ademais destas actividades, ao longo da fin de semana haberá tamén degustacións gastronómicas de balde de diferentes produtos, como chourizo e salchichón de Porco Celta, empanadas de Porco Celta, polo da raza Galiña Mos, chuletiñas de cordeiro, queixos de cabra, paletilla de Cachena, capón de Vilalba, cecina de boi de raza Vianesa, liscos de Porco Celta ou filloas recheas de Cachena e Galo de Mos con queixo de San Simón.

Votación
0 votos
Comentarios

Chega a mostra agrogandeira ExpoLugo