«Adoro as festas do San Froilán»

Noemí Mazoi Soprano que fará a ofrenda a Rosalía de CastroNoemí Mazoi agradece ao Concello de Lugo que pensase nela para realizar a ofrenda


A soprano Noemí Mazoi será a encargada de realizar a ofrenda a Rosalía de Castro o vindeiro día 8, Domingo das Mozas. A protagonista desta xornada recoñece que lle fai moita ilusión e agradece ao Concello que a convidase. «Isto remóveme no máis íntimo», comenta Mazoi. 

-¿Que supón para vostede facer a ofrenda a Rosalía de Castro?

-Para min é algo moi importante. Este era un acto ao que acudía cada ano coa miña nai e cos meus irmáns. Ela tiña unha gran devoción por Rosalía de Castro. Facía traxes típicos e vestíanos a todos. De verdade, ser a oferente do Domingo das Mozas remóveme no máis íntimo e tráeme moitos recordos. Emociónome moito pensando en todo isto e no pasado.

-¿En que consistirá a ofrenda do domingo?

-Escribirei unhas verbas que lerei na ofrenda, nas que falarei do que significa para min Rosalía e o Domingo das Mozas, e logo cantarei Negra Sombra.

-¿Que liñas seguirá o seu discurso?

-Falarei dende o meu corazón das lembranzas que teño, dende o paseo da praza de España ata o lugar no que farei a ofrenda e das poesías de Rosalía que lía a miña nai. Basearei todo nos meus sentimentos e será unha homenaxe ao Domingo das Mozas. Rosalía era unha persoa que escribía dende a alma, e a iso tamén me referirei. Logo cantarei Negra Sombra, con música de Juan Montes. Estarei acompañada por un acordeonista e unha chelista.

-¿Que recordos lle quedan do San Froilán?

-O máis fermoso era ir e subir nos cabaliños. Emociónome recordando cando me levaba a miña nai. De feito, todos os anos que estou no San Froilán sigo montando neles. Tamén me encanta o Pelúdez, polo que sinto un especial agarimo, posto que é unha personaxe que creou José Trapero Pardo. Tomar o polbo nas casetas é outra das tradicións que cumpro. Adoro as festas de San Froilán.

-¿Como foron os seus inicios no mundo da música?

-No eido musical teño un amplo abanico. Fixen canto lírico e estudei na Real Escuela Superior de Arte Dramático e baile. É no ámbito dos musicais onde máis me coñecen. A primeira actuación que fixen foi unha zarzuela titulada Non chores Sabeliña. Foi con 17 anos e emociónome cando recordo ese intre. Tamén protagonicei Los Gavilanes e Las de Caín, entre outras. Fixen máis de dez musicais, entre os que destacan El fantasma de la ópera, Sonrisas y Lágrimas, Víctor o Victoria, Peter Pan e Diario de Ana Frank. No teatro participei nas obras Roberto Zucco, Bodas de Sangre e Electra. Os tres xéneros nos que máis traballei foron zarzuela, ópera e música.

-¿Cales son os seus proxectos de futuro?

-Teño previsto estrear o vindeiro día 3 de febreiro aquí en Lugo De corazón a corazón.

-¿Que mensaxe lle traslada aos lectores?

-Convídoos a que se animen e me acompañen nesta ofrenda a unha das nosas autoras máis importantes da literatura galega. Toca gozar do San Froilán.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Comentarios

«Adoro as festas do San Froilán»