«O Goberno de Galicia non promove unha verdadeira política cultural»

Darío Xohán Cabana, como traballador municipal, impulsou a publicación de libros polo Concello


lugo / la voz

Desde o pasado martes é un home libre de obrigas laborais. Chegou para el o momento da xubilación e deixou o Concello de Lugo cargado de plans para os próximos meses. Darío Xohán Cabana (Roás-Cospeito, 1952), escritor, académico e, como empregado municipal, coordinador de publicacións no consistorio lucense, ten por diante un amplo panorama de lecturas, escritura, viaxes, e dedicación aos seus. O doce momento persoal polo que atravesa non lle impide mirar, co ollo crítico do intelectual comprometido que é, cal é o estado do mundo da cultura en Galicia: «O Goberno de Galicia non promove unha verdadeira política cultural; na parte que máis me interesa, a da literatura, vexo que se recúa».

-Chegou o momento da xubilación, da oficial polo menos, porque un intelectual non se xubila...

-Estou xubilado desde o pasado día 19. Foron máis de trinta anos de traballo no Concello de Lugo. Empecei cando era alcalde Vicente Quiroga Rodríguez.

-No Concello sempre estivo vinculado á área de Cultura...

-Si, empecei no auditorio Gustavo Freire; aquel era un traballo moi irregular en canto a ocupación. Cando o deixei, o Concello empezaba a contratar algunhas cousas fóra, pero ata entón era eu o que facía practicamente de todo alí. Estiven no Gustavo Freire máis ou menos 16 anos. Co alcalde José López Orozco pasei ao negociado de Cultura e fun coordinador de publicacións.

-Antes de empezar a traballar en Lugo foi policía municipal. ¿Qué tal aquela experiencia?

-Si, en Corcubión, durante catro anos. ¿A experiencia? Boa. Pero antes fixen outras cousas. Traballei na editorial Castrelos, fun liberado sindical da ING, estiven na primeira época de A Nosa Terra, vendín libros. Xa ves, empecei a miña vida laboral traballando na editorial Castrelos e acabeina dedicado tamén á edición de libros como coordinador de publicacións no Concello.

-O Concello de Lugo é un caso singular polas coleccións de libros que publica...

-Si, é un caso un pouco estraño o do Concello de Lugo neste sentido, entre os do seu nivel, pola cantidade de libros que ten publicados. Ten varias coleccións, e algo teño que ver eu nalgunha.

-Unha das máis coñecidas é a titulada «O San Froilán dos devanceiros». ¿Haberá novo título este ano?

-Esa colección non a inventei eu, pero confiáronma desde o principio. Este ano sairá o número 14, que é un libro sobre a historia do pulpo no San Froilán; é un traballo de Teresa Pena e Fernando Arribas.

-E tamén hai nas publicacións do Concello algún libro seu...

-Hai, si. Un sobre a chegada do primeiro tren a Lugo (o 5 de outubro de 1875) e outro sobre a estrea do Hamlet de Cunqueiro nunhas festas de San Froilán [Cunqueiro e don Hamlet en Lugo (San Froilán, 1959)]. Ademais, folletos, traducións, corrección de lingua e estilo... E tamén o libro Poetas en Lugo, unha antoloxía bilingüe.

Lucense da Terra Chá. De Roás-Cospeito, vive en Romeán. Casado, dous fillos e unha neta.

Escritor e académico. Ten publicados uns 50 libros e é académico da RAG desde 2006.

Vida laboral. Acábase de xubilar como traballador municipal de Lugo, con máis de 30 anos de servizo.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
6 votos
Comentarios

«O Goberno de Galicia non promove unha verdadeira política cultural»