Lembranza para o crego José Pena nos actos oficiais do día de San Roque

Xosé Carreira LUGO / LA VOZ

LUGO CIUDAD

Carlos Castro

Unha freguesa lembrou o esforzo do sacerdote desaparecido para manter a capela

17 ago 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

A corporación municipal de Lugo cumpriu coa tradición de renovar votos a San Roque, o santo que afastou a peste da cidade. A celebración foi unha lembranza ao crego que durante anos se ocupou de non só atender a capela senón tamén de salvala da ruína, José Pena Mouriz. Este sacerdote morreu hai aproximadamente un mes aos 90 anos de idade. Mesmo na misa do ano pasado, aproveitando a presenza dos políticos, lles lembrou que o Concello de Lugo non tiña feito achega ningunha para as obras de restauración do pequeno templo.

A misa de onte foi oficiada en galego por Luciano Armas. Tamén asistiu Luís Varela, ambos da parroquia de A Nova, á que pertence a capela. Armas lembrou os esforzos de Pena e logo, ao remate da misa, unha veciña do barrio, vinculada á Asociación San Roque, dirixiuse aos presentes para destacar o traballo feito por o anterior creo que, aínda pouco antes de falecer, buscaba fondos para financiar os traballos de lousado do tellado e eliminación das humidades que chegaban ás paredes da capela.

A freguesa que participou no acto lembrou a vontade decidida do falecido en pro do desenrolo do barrio, promovendo unha asociación que despregou actividade variada no eido cultural e deportivo. Contou que nunha ocasión José Pena, autor de varios libros sobre filosofía, non se importou de remitir unha carta a Manuel Fraga Iribarne cando este era presidente da Xunta de Galicia, convidando a que viñera á inauguración dun pequeno local social que prepararan na parroquia. Moitos dos que souberon da iniciativa pensaron que en ningún momento o crego conseguiría o que pretendía, pero resulta que se equivocaron. Fraga veu a Lugo o día da inauguración e estivo co crego e os veciños que participaron no acto.

Nos actos oficiais de onte houbo ampla representación de edís do PSOE, do PP e tamén interveu un dos edís de Ciudadanos. Faltou a alcaldesa que, aínda que estivo no consistorio, atópase lesionada nun pé e debe facer uso de muletas.