A RAG di que Nicandro Ares foi esencial nos estudos da onomástica galega

O crego e historiador lucense será soterrado hoxe en Santa Eulalia de Bóveda

.

A Real Academia Galega expresou o seu «fondo pesar» polo pasamento de Nicandro Ares Vázquez (Santa Eulalia de Bóveda, 1926-Lugo, 2017), sacerdote, investigador e académico correspondente desde 2006. O seu enterro terá lugar hoxe logo dunha misa que comezará ás 11 da mañá na igrexa de Santa Eulalia de Bóveda.

«Foi un grande estudoso da toponimia e un dos maiores especialistas no complexo monumental do seu lugar de nacemento», di a RAG. Lembra a institución que Ares Vázquez foi ordenado sacerdote en 1951 e que desempeñou como profesor do Seminario de Lugo desde 1955 ata a xubilación. «Foi quen de desenvolver en solitario numerosas investigacións sobre os nomes dos lugares. O seu é, de feito, un nome esencial no relanzamento dos estudos de onomástica galega. No ronsel doutros eclesiásticos lucenses, profundou nesta disciplina mediante o estudo directo e manual dos documentos, centrándose fundamentalmente na diocese lucense, pero contribuíndo a clarificar a onomástica de boa parte de toda Galicia», engade a Real Academia.

Lembra tamén que a carreira como investigador do falecido comezou inspirada «polo seu mestre Francisco Vázquez Saco». Engade: «Os primeiros traballos, coma os del, versaron sobre asuntos de epigrafía e arqueoloxía galegas pero, malia non abandonar nunca os temas históricos, foise orientando cada vez máis cara á onomástica, sobre todo cara á toponimia, que acabou sendo o motivo principal das súas investigacións. De feito, o interese pola onomástica xa se deixaba ver no seu primeiro trabalo, publicado en 1964». A RAG recolleu 178 dos traballos da súa obra toponímica en dous volumes publicados en 2011 e 2013.

Votación
12 votos

A RAG di que Nicandro Ares foi esencial nos estudos da onomástica galega