Las vivencias de un autor comprometido

manuel calvo LUGO

LUGO CIUDAD

«Gallegadas» y «Superticiones de Galicia» completan la obra del escritor

12 jul 2017 . Actualizado a las 11:46 h.

Para Jesús Rodríguez López o ano 1899 comeza co anuncio da publicación en El Regional (4-I-1899), en forma de folletín encuadernable, da novela A cruz de salgueiro, de modo parecido a como o fixera xa en 1892 e 1893 na revista Galicia, de A Coruña. O 30 de setembro deste ano, cumpridos os 40 anos, casa con Adela Pedreira Rego, filla do avogado liberal Jacobo Pedreira, de Betanzos, vila na que tivo lugar a cerimonia relixiosa na igrexa parroquial de Santa María; non tiveron viaxe de noivos pois o autor comprometera, para unha semana máis tarde, a súa presenza nunha velada cultural en memoria de Xoán Montes e tivo que preparar para ela unha poesía humorística en castelán titulada Chismografía. É curioso o feito de que á súa dona tan só lle dedicou o soneto A Adela (1897) escrito en castelán.

A novela A cruz de salgueiro, Lugo, 1899, Imprenta de El Regional, xunto co texto en prosa inédito Gabriela, conto no que estou a traballar, é a prosa que nos deixou o escritor en lingua galega. En 1892 a novela xa era ben coñecida por todos os galegos, mais non con grandes lances literarios porque escribía a medida que, por entregas, ía publicándoas na revista Galicia, a demanda temporal; estilo folletín, xénero que tanta fama lles dera aos franceses Eugène Sue ou Alexandre Dumas. Por razóns diversas o autor non sempre dispuña do repouso necesario para abstraerse do mundo que o rodeaba para consagrar toda a súa atención á obra literaria: esta situación venceuna parcialmente, pois, a pesar de que non se notan no seu libro nin cansanzo nin violencia, pódese percibir unha certa discontinuidade na súa armadura. Toda a tese da novela podería moi ben estar recolleita nestes versos de Aureliano José Pereira: As señoritas da vila/ as da cintura xentil/ atando destas manadas/ as quixera ver eiquí./ Os mociños da ciudade/ os que viven de pasear/ non se deran tan boa vida/ si tiveran que segar.

Pasarán case dez anos ata que Rodríguez López nos dea outra obra maior; non quere isto dicir que durante ese período de tempo non escribira nada; si continuou colaborando en eventos sociais, na prensa rexional, en revistas galegas do momento, na revista bonaerense El Eco de Galicia bonaerense etcétera. Hai que ter en conta que co comezo do século XX forma parte do Concello de Lugo, chegando a ser primeiro tenente de alcalde, cargo que mantivo ata 1903, e despois viñeron viaxes para representar aos médicos de Lugo en congresos celebrados en varias cidades españolas. Deste relativo silencio dá testemuño Higinio Fernández de la Vega, notario en Friol, quen, co gallo do novo tamaño da edición de El Regional escribe un poema no que alude á escasa produción literaria do noso escritor nos últimos anos (El Regional, Lugo, 20-VIII-1903): Jesús Rodríguez López/De veras inspirado/El vate churrusqueiro/Del suelo galiciano/Parece como muerto/Al mundo literario/Pues nada nos ayuda/Y al “Reginal”no ha dado/Ni una cuartilla sola/Desde hace algunos años/Qué hace Jesusito?/¿Por qué está tan callado?

A estes versos non respondeu o noso autor xa que non podía rebater unha realidade probada, porque, sen que coñezamos o motivo, pasa desapercibido nos anos iniciais da primeira década do século XX. El mesmo recoñece esta realidade nos versos do poema Remolo morno, que publicará dous anos máis tarde: Maltratado fai tempo/por outras prosaicas faenas/a miña poesía/é luz que boquea,/e xa non dá lumes por máis qu’a restrega.

1908 é un bo ano para Rodríguez López; parece que quixera recuperarse da súa longa ausencia da produción literaria. Así, para os carnavais, que se celebran no mes de marzo, prepara un apropósito carnavalesco que sería escenificado no Teatro de Betanzos. Este apropósito sería representado por «un grupo de distinguidos aficionados de la ciudad del Mandeo» (El Regional, 2-III-1908), e o seu argumento xiraba arredor da solidariedade galega que es «una realidad palpitante en aquella parte de las Mariñas». Eu penso que se trata da pequena peza teatral da que logo falarei, -recuperada por Alonso Montero na década de 1970 e publicada en Edicións do Castro (1988) - titulada, El socialista, despistantemente, pois non se trata nela ningún aspecto de temática política.

Na terceira semana do mes de agosto, algo máis de dez anos despois da publicación de Pasaxeiras, publica Gallegadas con alegrías de la tierra en verso y prosa Madrid, 1908, Imprenta de Ricardo Rojas.), colectánea de poesías tradicionais e contos nos que predomina a nota festiva. A diferenza de Pasaxeiras, este libro contén prosa na súa segunda parte en forma de contos e tradicións luguesas ata un total de sete: na maior parte deles aparecerá de novo a temática que sempre lle preocupou ao longo da súa vida: a superstición. Por outra banda, en Gallegadas o autor manifesta a anguria que sente ao ver de que maneira o galego é desprezado pola clase media, na que as nais impiden case aos seus fillos expresárense na súa lingua vernácula, entendendo deste xeito un patriotismo sen dúbida equívoco e, aínda máis, como un defecto de educación social. O autor ve, a piques xa de concluír a primeira década do século XX, que a doce lingua «de mis padres que es la primera que aprendí» vai desaparecendo por mor dun malentendido social. E contra ese determinismo el rebélase, mais dunha maneira moi submisa. É, quizais, unha claudicación ou polo menos o pensamento dun home que, ideolóxica e fisicamente, pertence ao século anterior e que, co paso do tempo, vai vendo como o galego cae en desgraza; unha lingua que, como el di na súa adicatoria «A Galicia, é rica… tan dulce como la miel… y tan propia para expresar la intensidad del sentimiento... la hermosura de las mujeres y la picardía del amor que retoza en los corazones de tus hijos».

Con un título bastante abreviado sae do prelo, en agosto de 1910, a segunda edición de Supersticiones de Galicia, agora corrixida e aumentada. Jesús Rodríguez López. Madrid, 1910, Imprenta de Ricardo Rojas. Como o libro xa era coñecido, as críticas foron, sen excepción, altamente favorables.