«O Xuvenciencia está atraendo alumnos ao campus de Lugo»

Laura López LUGO / LA VOZ

LUGO CIUDAD

ALBERTO LÓPEZ

Máis da metade dos participantes nesta actividade da universidade matriculáronse na USC

09 jul 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

O campus lucense converteuse esta semana nun fervedoiro de vocacións científicas. Un total de 135 alumnos de cuarto de ESO e primeiro de BAC -118 quedaron fóra por falta de prazas- participaron esta semana na quinta edición do Campus de Verán Xuvenciencia, unha cita que, segundo explica a súa coordinadora, Mercedes Novo Rodríguez, do departamento de Química-Física da facultade de Ciencias, está plenamente consolidada. Ademais do campus de verán, o programa de divulgación científica Xuvenciencia organiza outras dúas actividades ao longo de todo o ano: unhas xornadas de formación para o profesorado e actividades nas aulas dos institutos a través da utilizacións duns kits científicos que elaboran no propio campus.

-¿Que novidades houbo este ano no campus de verán Xuvenciencia?

-Houbo moitas actividades novas, entre elas, un obradoiro con drones, de xenética, zooloxía, danza, teatro, audiovisual coa Fundación TIC... e había programada unha visita a Sotavento, pero non a puidemos facer pola folga de transportes.

-O campus non é exclusivamente científico...

-É científico no máis amplo sentido da palabra, abarca todas as áreas das ciencias sociais, artes, humanidades, ciencia... cunha gran variedade de actividades para que os alumnos entren en contacto con estas áreas.

-¿Con que finalidade naceu este campus?

-O obxectivo é que os mozos entren en contacto coas distintas ramas das ciencias e que vexan de primeira man o que se fai. Tamén, que teñan contacto coa universidade e que traballen, de forma práctica, nas distintas disciplinas; así aprenden facendo. Os alumnos traballan con todo o equipamento que ten a universidade, son atendidos por profesorado experto e saen gratamente sorprendidos.

-Outro dos obxectivos é captar alumnos para o campus de Lugo. ¿Estase logrando?

-Isto é un proceso lento porque levamos soamente cinco edicións e hai alumnos que aínda están en cuarto de ESO. Pero elaboramos unhas estatísticas que xa nos permiten asegurar que o Xuvenciencia está atraendo alumnos ao campus de Lugo. De feito, máis do 50% do alumnado de Xuvenciencia matriculouse na USC, e desa porcentaxe, un 33% fíxoo no campus de Lugo. Tendo en conta que a sede lucense supón un 20% da USC, está claro que estamos atraendo estudantes. Pero os datos hainos que afinar máis porque aínda nos falta unha comparativa, é dicir, saber que tería feito ese alumnado de non participar no Xuvenciencia. Outro dato importante é que hai estudantes que participaron neste campus de verán e que agora colaboran como monitores.

-¿Repiten ano tras ano os estudantes?

-Si, é importante destacar que hai moito alumnado que repite. Dos 135 participantes, 35 xa estiveron outros anos, algún mesmo era a terceira vez que viña. Para estes «veteranos» temos un programa especial. Ademais, hai estudantes de toda España e tamén de Portugal, todos eles moi motivados e con moitas ganas de aprender.

«O obxectivo é que os mozos entren en contacto coas distintas ramas das ciencias e vexan de primeira man o que se fai»

«Houbo actividades novas, como obradoiros de drones, xenética, zooloxía, danza, teatro, audiovisuais...»

Participaron estudantes de España e Portugal

A clausura do Xuvenciencia tivo lugar o venres á tarde en Veterinaria, aínda que parte do alumnado -procedente de España e Portugal- acolleuse ao programa con aloxamento e quedou na cidade ata onte. foto Alberto López

«O ano que vén queremos ampliar o número de prazas porque hai moita demanda»

-¿Como será a próxima edición do Xuvenciencia?

-Temos planes para incluír moitas novidades, pero aínda non hai nada pechado porque todo precisa dun financiamento. Queremos ampliar o número de prazas porque hai moita demanda, pero iso implica cambiar a estrutura. Tamén pretendemos aumentar o número de monitores científicos para que leven o peso dos talleres que se fan. Cada vez hai máis solicitudes e gustaríanos poder atendelas sempre que se garanta a calidade dos talleres. Leva moito tempo preparar o Xuvenciencia, é unha tarefa moi ardua, xa que son unhas 150 persoas traballando na organización entre profesores e persoal de apoio, así que as tarefas para a coordinación son moi complicadas.