«O Arde Lucus é unha inversión produtiva»

Enrique Gómez Souto
enrique g. souto LUGO / LA VOZ

LUGO CIUDAD

óscar Cela

Abel Vilela avisa do risco que pode supoñer para a festa «deixarse levar polo entusiasmo dos números»

01 jul 2017 . Actualizado a las 18:06 h.

Lugo ten un cronista de feito aínda que tal título non ten aínda a consideración oficial. O historiador Adolfo de Abel Vilela coñece polo miúdo a historia da cidade, como acreditan os seus numerosos libros e artigos, e apúntase a revivila cando ten ocasión. É un dos impulsores do mercado medieval que se celebra en outubro e a súa presenza é habitual no Arde Lucus desde as súas primeiras edicións. Admite que para el foi unha sorpresa que tanta xente se apuntase desde os primeiros anos a vestirse de época nesta festa, da que destaca a importancia económica que ten para a cidade. E avisa do risco que implica «deixarse levar polo entusiasmo dos números», pola tentación de medir o éxito polo número de asistentes.

-Vostede participa na festa desde os primeiros días...

-Fun o primeiro que fixen de Paulo Fabio Máximo, que foi o fundador da cidade. E despois déronme por este motivo a distinción de Civitas Honoris. Neste mesmo ano houbo un xantar organizado polas asociacións que participan no Arde Lucus e convidáronme. Asistiron a alcaldesa e a concelleira de Cultura e tamén tiveron unha distinción comigo.

-Como ve a evolución da festa?

-Foi unha sorpresa que tivera tanta aceptación por parte dos lucenses. Eu son secretario de asociación de antigos alumnos da Escola Ramón Falcón e organizamos o mercado medieval no mes de outubro; gustaríanos que a xente participara vestíndose de época, pero non o fai. Sen dúbida o do Arde Lucus é todo un éxito.

-Hai algo que deba cambiar ou mellorar?

-Hai cousas que perfeccionar. Eu creo que hai que animar á xente a coidar a caracterización, para que os traxes teñan unha calidade mínima. Eu creo que agora que é Fiesta de Interés Turístico Nacional hai que coidar a estética dos actos. Penso que non importa tanto a cantidade como a calidade.

-Que lle falta á festa?

-Por un lado, hai cousas que poderían estar presentes todo o ano. Por exemplo, as máquinas de guerra poderíanse expoñer e constituirían un atractivo máis da cidade. A xente pode aportar moitas ideas, unhas serán máis acertadas que outras, pero algunhas poderanse aplicar. Incluso se podía encargar a un autor que escribira unha obra de teatro. Podía estar baseada en individuos dos que se coñece algo, como o centurión e xefe da oficina de recadación que era o dono do que hoxe coñecemos como a Domus do Mitreo, o liberto Saturnino ou Galion o Vello. E tamén penso que o Arde Lucus debe ter un perfil reivindicativo, debe servir para reclamar o centro da romanización ou a investigación de xacementos arqueolóxicos como o do Castro da Piringalla ou completar a escavación na Tinería.

-Incluso desde algunha das asociacións do Arde Lucus se apunta a necesidade de levar á festa a un terreo un pouco máis cultural...

-Xa sinalei antes que a masificación non é boa. É como no turismo. En Lugo aínda estamos a tempo de buscar, de atraer, turismo cultural, de calidade, non maioritario e con poder adquisitivo. Non hai por que intentar que cada ano se superen os números da edición anterior, que é algo que ao final nos leva ao risco de caer no absurdo.

-Prexudica o Arde Lucus ao San Froilán ou son dúas festas compatibles?

-Unha gran parte do éxito do Arde Lucus está nas fechas nas que se celebra. Durante moito tempo houbo a polémica de se se debían cambiar de fecha as feiras e festas de San Froilán, e ao final decidiuse que non. O Corpus foi unha festa moi imporante en Lugo ata o XIX, pero foi decaendo. Tanto o Arde Lucus como o San Froilán son moi importantes para a economía de Lugo. É unha inversión produtiva, o que é importante nunha cidade que só vive dos servizos.

-En que libros está traballando ultimamente?

-Teño un sobre a estancia dos franceses en Lugo e outro sobre a historia do parque de Rosalía de Castro. E teño tamén (levo moitos anos traballando nel) un sobre a historia do Concello de Lugo no Antigo Réxime. Hai outro sobre o culto eucarístico en Lugo.

-Total, que non para...

-Estou metido en moitas cousas, si. Entre outras cousas, traballei cun equipo de investigadores sobre o mosteiro de Sobrado dos Monxes; fixen un estudo do mosteiro na bibliografía.

Rápida consolidación. Cambios.

 

 

Rápida consolidación. Desde o seu arranque no inicio do actual século, o Arde Lucus medrou tan rápido que en 16 anos conseguiu ser Fiesta de Interés Turístico Nacional, como recorda Adolfo de Abel.

Cambios. Vilela suxire algunhas melloras na festa