«Un 20% dos adolescentes pasan por situacións duras nos centros educativos»

Xosé Carreira LUGO / LA VOZ

LUGO CIUDAD

Manolo

O experto avisa de que os profesores teñen que adoptar un papel activo, o mesmo que os pais e a sociedade

11 jun 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Desde outubro de 2015, profesores e membros do equipo directivo do IES Anxel Fole de Lugo traballaron nun proxecto de formación relacionado coa convivencia escolar, coordinado polo Centro de Formación e Recursos de Lugo. Da formación, que rematou hai unhas semanas, ocupouse o psicólogo, terapeuta familiar e profesor da USC, Carlos Vila Lago. O experto reclama un papel máis activo do profesorado, tamén dos pais e da sociedade, para facer fronte aos problemas que afectan a un 20% do alumnado.

-Nos últimos tempos en Lugo foron noticia algúns casos de suposto acoso escolar. Hai grandes problemas de convivencia nos centros?

-Non, aínda que a imaxe é a de que si. Digo non polo seguinte: de cen, hai entre sesenta e setenta rapaces que van pasar polos centros sen ningún tipo de dificultade. O problema é o 30% que queda. E dentro dese 30% hai un 10% que o vai pasar mal. Entre un 10 e un 20% pasan por situacións duras.

-Que tipo de situacións?

-Son as de que ir ao centro xa non é agradable. Se nos están chamando calvos todos os días, chega un momento en que acudir ao centro non resulta divertido, non apetece; se o teu material se rompe, non che apetece; se te insultan, non che apetece. Xa non digo se te empurran ou illan. Non son situacións aparentemente de gran conflito, pero si de grande sufrimento emocional, para os rapaces que se están formando. Para un rapaz de 15-16 anos ao que os compañeiros lle fan o baleiro na aula, é terrible como vivencia. Visto desde a óptica dos adultos, é unha cousa pequena. É como a famosa frase de “é cousa de nenos”. Xa, pero se eses empurróns son tres veces ao día ou máis, xa non é unha cousa de nenos. Un empurrón no corredor pode ser cousa de adolescentes, pero se eu te empurro todos os días cando te vexo, xa non mola; xa deixa de ser unha cousa de nenos, pasa a ser un problema.

-E cal debe ser o papel dos profes?

-Activo, fronte ao papel aparentemente pasivo que algúns adoptan por comodidade ou polo que sexa. Papel activo significa non dar a volta ante estas situacións e non pensar que se van resolver por si solas. Ata agora a mensaxe era: “eu son profe de mates, teño que dar clase e xa está”.

-Realmente esa é a imaxe que poden ter moitos pais...

-Pero do que se trata é de que non sexa así. Hai que dar un paso adiante. Temos que actuar todos, pero todos: os pais e incluso as persoas da rúa. Non é cousa do director do centro. Estamos no momento do cambio. Que ocorre? Que non participa o cen por cento do profesorado. Hai profesores que non se implicaron. Estamos nese proceso de cambio de deixar de estar nun papel pasivo para ir a outro máis activo, de recuperar algo que se esqueceu: a parte educativa. Non chega só a formativa.

-Aínda estoutro día un profesor díxome que os pais tiñan que educar na casa....

-É certo. Se atribuímos porcentaxes, nun 80% é certo; ten que ser a familia ou a sociedade, pero hai un 20% que lle corresponde ao centro. Ao final é cuestión de valores e de aptitudes. Non estamos a falar de grandes cousas, pero valores de respecto... E iso ten que estar dentro da docencia. É o mesmo que deas clase de Matemáticas ou Francés; no medio ten que estar a transmisión deses valores, esa é a aptitude. Non hai que perder tampouco a perspectiva: un 70% dos rapaces van xenial no instituto. Oxalá que en calquera traballo, non sei... na sanidade, por exemplo, se firmase que o 70% dos casos que chegan a un hospital saen ben. A porcentaxe é moi boa. Temos que poñer a óptica no 20 ou no 10%.

-Lugo acadou repercusión nacional por unhas pelexas de adolescentes nas proximidades da Muralla, que incluso eran retransmitidas polas redes. Que opina?

-Quen de pequeno non fixo desas? Liortas hóuboas sempre, pero non tiñan máis impacto. Agora as redes sociais amplifican o feito. O que antes quedaba nunha cousa de nenos agora non. Se ocorre unha vez, non pasa nada; pero si sucede todos os días, xa se produce un fenómeno no que hai repetición, desproporción, reiteración, humillación e dano. Por riba de todo está a actitude dos pais. Hai unha sobreprotección e moitas mais cousas. Dou clase na universidade e vexo que un pai vén acompañando ao fillo a unha titoría. Para estar inscrito na universidade, tes que ser maior de idade. Hai un proceso de infantilización curioso.

-Incluso se aprecia á hora da entrada e saída dos centros...

-Fomos ao colexio e o instituto polos nosos medios. Meu pai, se un día chovía, avisaba que iría coa furgoneta para recollerme a min e a cinco ou seis compañeiros máis. O resto dos días ía pola miña conta. Iso é autonomía. Hoxe lévase aos centros a rapaces de 16 anos. Aí está xa unha fase de infantilización. Estamos sobre protexendo todo o proceso de infancia e adolescencia. ¡Hai que volver á naturalidade»! Os profes nalgún momento trasladaron todo o proceso educativo ás familias e estas o que fixeron foi infantilizar moito. Hai pais que estudan cos fillos e din nalgún momento: ¡É que nos suspenderon! A quen suspenderon foi ao teu fillo. Non tes que estudar con el. Chegamos a ese proceso de infantilización.

«Estamos sobreprotexendo o proceso de infancia e adolescencia. Hai infantilización»