Axunica: vinte anos de axuda lucense en Nicaragua

Unha exposición no Uxío Novoneyra dá a coñecer o traballo desta oenegué que está de aniversario


Lugo / La Voz

A solidariedade lucense está de festa. Cúmprense vinte anos do nacemento da oenegué Axunica, unha agrupación creada en Lugo, por lucenses, e que presta axuda fundamentalmente a Nicaragua. Con motivo deste aniversario, o centro Uxío Novoneyra acolle unha exposición fotográfica para dar a coñecer o traballo que fan desde este colectivo.

A mostra, que pechará hoxe as súas portas, xa foi visitada por alumnos de numerosos centros educativos da zona, como o Quiroga Ballesteros ou o Rosalía de Castro. A exposición viaxará despois polos colexios. Tamén está previsto novas actividades para celebrar este vinte aniversario, como un festival, aínda que por agora non está pechada a programación.

A lucense Ana Vila foi a impulsora desta organización. Esta cooperante que leva 28 anos traballando en Nicaragua, encóntrase estes días en Lugo: «Esta exposición, na que temos unha mención especial para o Concello lucense pola súa colaboración todos estes anos, pretende mostrar como se vive nas comunidades nas que traballamos», relata. A súa acción céntrase en Nicaragua, aínda que tamén prestan algunha axuda a Haití e, puntualmente, ao Sáhara e a Guatemala.

Unha liña fundamental do seu traballo é a educación. De feito, poñen en marcha moitos proxectos de formación, con bolsas para nenos e nenas. Ademais, cando se lle dá unha axuda, o primeiro que se lles pide é que escolaricen aos nenos en idade escolar. Tamén aportan axudas a grupos de mulleres. Ademais, están as necesidades máis urxentes, neste caso, a alimentación. «Non hai que esquecer que en Nicaragua pásase fame», recorda Vila. Por iso, entre outras cousas, xa puxeron en marcha sete comedores infantís, seis deles no rural e un na cidade. A saúde é outra área na que inciden, sobre todo, con proxectos de potabilización de auga e venda social de medicamentos. Tamén traballan na posta en marcha de infraestruturas, como casas comunais, centros de saúde ou rede eléctrica.

Esta labor complétase coas tarefas de sensibilización en Lugo, recadación de fondos e viaxes de voluntarios para que participen de forma directa no traballo en Nicaragua.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Axunica: vinte anos de axuda lucense en Nicaragua