«Non digo que as do Xuncas fosemos figuras, pero recoñecíannos na rúa»

Xosé María Palacios Muruais
XOSÉ MARÍA PALACIOS LUGO / LA VOZ

LUGO CIUDAD

ALBERTO LÓPEZ

Cre que a paixón do baloncesto perdeu intensidade en Lugo nos últimos tempos

15 may 2017 . Actualizado a las 12:46 h.

Rosario Sureda combinou a herdanza e o ambiente para converter o baloncesto nunha actividade deportiva que ocupou anos da súa vida de xeito destacado. Por unha banda, seu pai, Manuel Sureda Maculet, foi presidente do Breogán; por outra, estudou no colexio das Xosefinas. Recoñece, xa que logo, que na casa se respiraba ambiente vencellado con ese deporte, e co equipo do colexio chegou a xogar varias fases finais do Campionato de España. Máis adiante pertenceu ao plantel do Xuncas, equipo que nos anos oitenta chegou a moveurse na elite do baloncesto feminino aínda que a traxectoria rematou sen acadar unha longa continuidade.

-Se tivese que definir a súa traxectoria como deportista, que diría?

-Xenial. Foi o mellor que me pasou, mesmo nos peores tempos, en Segunda e en Primeira B, cando non dabamos ascendido. Fomos a varias fases de ascenso. O ano en que subimos foi en Manresa. Queda unha sensación agradable, si.

-Vivir do baloncesto non era doado para todos os xogadores; para unha xogadora, tampouco, supoño.

-Home [ri]. Eu estudaba Dereito. O baloncesto supoñía moito esforzo, e faciamos virguerías: corriamos no campus, en Santiago; un día por semana, iamos ao ximnasio de Pepe Casal [que foi preparador físico do Barcelona, da selección española e de Pau Gasol], xogabamos a liga universitaria... Viñamos a Lugo no autobús para xogar, e levabamos apuntes para estudar nos hoteis. Pero faise. Hoxe hai outra cultura, pero daquela enfrontábaste cun profesor que che dicía: ‘Se lle parece máis importante un partido de baloncesto ca un exame de Dereito do Traballo, vostede verá’. Gañábase pouquísimo; pero se querías ter unha internacional, tiña que cobrar. Tiñamos un equipazo; Wonny Gueuer, Ana Eizaguirre, Ángeles Araújo e dúas americanas; e con elas, cinco ou seis de Lugo.

-Se se compara o Xuncas daqueles anos oitenta coa situación de hoxe, como está o deporte hoxe en Lugo?

-Vexo que está un pouco máis parado. Púxenlles algunha vez un partido ás miñas fillas e flipaban: o pavillón estaba cheo. O outro día fun ver ao Ensino: xa sei que é unha categoría inferior, pero... O Breogán segue a vivirse, pero tamén se vivía daquela. Daba

para todo: enchíase o pavillón con eles e con nosoutras. Vexo que se apoiaba máis antes. Non digo que fosemos figuras, pero si nos recoñecían na rúa e sentiamos a calor da xente.

-Ten dúas caras ser de Lugo e xogar en Lugo, tanto para o bo como para o malo?

-Si. A nivel económico non compensa. O Xuncas desapareceu por mala xestión; foi unha mágoa. Téñoo comentado algunha vez con Víctor Varela [adestrador do Xuncas], que algunha vez se arrepentiu. Eles marcharon. Os que entraron non o souberon levar, e unha parvada como non inscribir o equipo no prazo fixado levouno por diante.

-Era dificil vivir á sombra do Breogán, que chegou a xogar competicións europeas?

-Nós non xogamos competicións europeas aínda que tiñamos dereito: por falta de presuposto non puidemos. O señor [Francisco]

Cacharro pechou as portas. Non fomos porque era inviable. Cando nos pecharon as portas, dixéronnos: ‘Non podemos competir en Europa’. Equipos alevíns e infantís ían xogar pachangas por Europa. Non digo que non puidesen ir; pero é chocante que non houbese cartos para un equipo como o noso.

-Como ve hoxe o ambiente do baloncesto en Lugo?

?Estou vencellada coas miñas fillas e cos meus sobriños. Vexo pouco baloncesto; pero agás no Breogán non vexo que sexa como antes. Lugo era unha cidade de baloncesto; agora non resalta tanto.