50 anos da Escola de Enxeñeiros Agrícolas

O centro non só ofreceu coñecemento técnico aos alumnos, senón que acolleu iniciativas para toda a sociedade

.

Lonxe queda aquel ano de 1969 en que comecei os meus estudos na Escuela de Ingeniería Técnica Agrícola. Son da segunda promoción. Despois de estudiar na Escuela de Maestría Industrial electrónica e electricidade, viña escapando de Madrid, da Escuela de Ingeniería Técnica de Telecomunicaciones, materia afín á miña preparación, por unha banda debido aos ecos revolucionarios do Maio do 68 francés, cuxas reivindicacións e violencia tiñan por escenario o campus da Universidade Complutense a onde tiña que ir a clase de prestado no edificio da Escola de Ingeniería de Montes, xa que o da rúa de Peñalver quedábase pequeno para albergar a tanto alumno.

Escapaba tamén dunha cidade demasiado grande e incómoda, comparada con Lugo, de botar en falta a familia, e da criba que se facía en cada curso, 1.500 alumnos en primeiro, e 40 en segundo. Un bo alumno necesitaba entre tres e catro anos para aprobar cinco materias. Eu aprobei dúas no primeiro ano e ningunha no segundo. Como facía falta un gran esforzo persoal e un apoio económico que aos meus pais, aínda que dispostos a darmo, lles supoñía un enorme sacrificio, renunciei a continuar. De maneira que, como dixo Ortega «o home é froito das súas circunstancias», e hoxe son o que son porque ao crearse aquí enxeñería agrícola, vin para saír máis económico á familia, decisión que marcou para ben a miña biografía.

 O comezo

A orixe do campus universitario de Lugo está na Ley General de Educación y Financiación de la Reforma Educativa, de 4 de agosto de 1970, coñecida como de Villar Palasí, na que se contemplaba a incorporación das escolas técnicas de grado medio, as de maxisterio e comercio como escolas universitarias, do mesmo xeito que os colexios universitarios e as escolas de enxeñería técnica.

Nese momento, ademais do Colexio Universitario, só había en Lugo catro centros que se van a transformar en universitarios, pasando a depender da Universidade de Santiago en 1972. Eran a Escola Normal de Maxisterio, creada en 1842; a Escola Pericial de Comercio, creada en 1945; a Escola de Enxeñería Técnica Agrícola, creada en 1964, e a Escola de Axudantes Técnicos Sanitarios, nada en 1972.

 Na Escola de Comercio

A Escola de Enxeñería Técnica Agrícola comeza a funcionar no curso 1967-68, dependendo do Ministerio de Educación y Ciencia, na Escola de Comercio, cuxo director Manuel Peleteiro Rosende foi tamén o primeiro da Escola, dado que aínda non estaba construído o edificio que se levantou derribando o Cuartel das Mercés, cun proxecto tipo do Ministerio de Educación que se repetiu en León e Córdoba, polo menos.

A primeira promoción non coñeceu o novo centro dado que, unha vez terminado faltáballe o fornezo eléctrico, a conexión a un transformador que estaba situado a uns cen metros e, claro, topamos con Barras Eléctricas, que non quixo asumir o custo do cable necesario para facer a conexión, non lembro ben se eran dous ou seis millóns de pesetas. Como dicía Peleteiro, se a fixeran no deserto daríanse conta que necesitaba electricidade.

 Primeiras promocións

O profesorado técnico buscouse, fundamentalmente entre os funcionarios dependentes do Ministerio de Agricultura, veterinarios e enxeñeiros. Impartiron Matemáticas José Campos Gil, que era o mestre do cárcere; Debuxo o profesor da Escola de Maestría, Florentino Calderón Bravo; Física, o director Manuel Peleteiro e Química, Manuel Torres Pacios, todos eles xa falecidos.

E con estes vimbios saíron as primeiras promocións que desempeñaron o seu labor maioritariamente nas delegacións provinciais do Ministerio de Agricultura e do Catastro, e nos servizos de Extensión Agraria, a partir da creación da autonomía tamén na Xunta, exercendo outros en empresas e na profesión libre, pois ao pouco tempo fundouse a delegación do Colexio de Enxeñeiros Técnicos Agrícolas. Ao traballo de todos eles débese, en parte, a modernización do campo galego.

A titulación que se impartía era a de Enxeñeiro Técnico Agrícola na especialidade de Explotacións Agropecuarias, pero a Xunta de Goberno da Universidade, celebrada o 4 de xullo de 1986, aprobou tres novas titulacións, nas especialidades de Ortofruticultura e Xardinería, Mecanización Agraria e Construcións e Industrias Agrícolas. Este centro integrouse na Escola Politécnica, no que se poden estudar actualmente varias enxeñerías.

Formación técnica e humanista

Pero hai que dicir que a Escola non só foi para nós un centro de formación técnica senón tamén humanista, polo enfoque que lle quixeron dar o director Julio Ulloa Vence e o subdirector Odón Luís Abad Flores, abríndose á sociedade lucense, creando unha importante actividade cultural.

Ao final da dictadura organizábanse ciclos de conferencias, sesións de teatro, creouse o Cine Club Marcos da Portela, o departamento radiofónico, que durante varios anos produciu programas de divulgación agrícola emitidos en Galicia pola cadea de emisoras de Radio Popular, recentemente creadas, Radio Ferrol e Radio Monforte, así como a revista bilingüe Fronte e Cocote, por unha banda de divulgación técnica e por outra cultural cunha marcada tendencia galeguista, na que colaboraron Isaac Díaz Pardo, Xesús Alonso Montero, Anxel Fole, Ramón Piñeiro, Antón Fraguas e Uxío Novoneyra, entre outros, con portadas feitas polo pintor Luís Gómez Pacios.

Mágoa que só saíran catro números por falta de medios económicos ao pasar a depender da Universidade.

 Censura

Como todo isto ocorría nos últimos anos da dictadura, os textos da revista tiñan que pasar a censura do Ministerio de Información e Turismo. As «Letanías de Galicia», de Novoneyra, ilustradas por Pacios, e das que fixemos separatas, publicáronse por primeira vez en Fronte e Cocote.

Como foran prohibidas en tres ocasiones, agachei a maior parte da edición para evitar quedar sen exemplares por si viña a policía a secuestrala, pero desde a Delegación de Información e Turismo fixeron para Madrid unha traducción suave, de maneira que conseguiuse o pase, tamén o hai que dicir, axudou o feito de que no centro había persoas que merecían a confianza do réxime.

Eu traballei no centro como profesor auxiliar de clases prácticas e como auxiliar administrativo, para crear e levar a biblioteca, a revista e o departamento radiofónico. Intentei crear un Museo Agrícola, recollendo algunhas pezas en colaboración cos axentes de Extensión Agraria, pero debido a que o edificio das Pedreiras, xa desaparecido, albergou ao Colexio Universitario e á Escola de Artes Aplicadas, mentres non contaron con edificio propio, o espazo dispoñible reduciuse.

 

Oportunidade perdida

Perdeuse unha oportunidade como anos despois me recoñeceu o que era director naquel momento Julio Ulloa Vence. En fin, «patacas é terra».

O caso é que neste ano a Escola cumpre 50, medio século formando centos de profesionais que desempeñaron e desempeñan o seu labor en favor do desenvolvemento do noso maltreito sector agrario. Parabéns.

Votación
0 votos
Comentarios

50 anos da Escola de Enxeñeiros Agrícolas