A memoria das mulleres borradas da historia

CLAUDIO RODRÍGUEZ FER

LUGO CIUDAD

27 abr 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

A exposición Vermellas (Chamábanlles Rojas), que se abrirá pasado mañá pola tarde, foi unha iniciativa dos que promovemos a Asociación para a Dignificación das Vítimas do Fascismo, executada en colaboración co Proxecto Nomes e Voces da Universidade de Santiago, contando coa contribución artística de Sara Lamas. Esta xa histórica mostra foi inaugurada por primeira vez na Sala Isaac Díaz Pardo do campus universitario lucense en 2008 e, tras ser exhibida en Vigo e en Pontevedra, instalouse agora no vello cárcere de Lugo.

Nela dáse conta, segundo Carmen Blanco, «do extraordinario esforzo persoal realizado polas mulleres máis conscientes durante a II República, moitas delas afiliadas a asociacións progresistas, partidos de esquerda ou sindicatos de clase, paralelo aos avances sociais que potenciaron a súa presenza na vida pública e a afirmación do dereito ao traballo fóra do fogar, así como a ampliación da súa liberdade e dos seus dereitos de cidadanía».

Mais tamén se pon de manifesto, ao dicir de Carmen Blanco, «como o levantamento de 1936 non só interrompeu estes avances, senón de como tratou de exterminar toda independencia de criterio feminina, liquidando, encarcerando ou acosando as mulleres máis significadas ou resistentes, ás veces con sádica violencia sexista».

A maioría das vítimas mortais femininas foron proletarias militantes e familiares de fuxidos, mais tamén pereceron intelectuais comprometidas e mestras politizadas. Agora ben, como digo nos versos do poema Ámote, anarquista, que abren a exposición: «Borráronas da historia e non obstante/ setenta anos despois hai quen as ama».

Así aparecen intelectuais, mestras, proletarias da cidade e da costa, campesiñas ou guerrilleiras en poemas do libro Ámote vermella, do que son autor e en fragmentos da novela Atracción total de Carmen Blanco, combinados en vinte paneis con textos explicativos destes autores e de María Lopo (esta no relativo á actriz exiliada María Casares) e con gráficos do Proxecto Nomes e Voces. Figuran mulleres asasinadas, violadas, maltratadas, rapadas, presas, exiliadas e tamén nais, viúvas e orfas que padeceron con inmensa dor a represión a través do asasinato ou tortura dos seus seres queridos.

Algunhas delas estiveron presas precisamente no cárcere de Lugo, como foi o caso de Consuelo Alonso, humilde vendedora de xornais en Monforte e nai de catro fillos, coñecida como A Comunista, que foi xulgada e fusilada en solitario en 1938, tal como explicou a historiadora María Jesús Souto Blanco. Escribín un poema sobre esta muller, a quen «por quitar quitáronlle/ ata os cabelos da testa», que remata aludindo á súa desaparición da vida e da historia, como tantas persoas pobres das que apenas quedou memoria: «Condenárona soa,/ fusilárona soa,/ enterrárona soa,/ esquecérona soa.../ E aínda lle chaman A Comunista!».

Por todo isto, a exposición Vermellas recupera datos e fotografías con estrito rigor documental, pero tamén con emocionante xustiza poética baixo a premisa destes versos:

Asasináronas,/ mais sempre estarán vivas en nós./Encarceráronas, mais sempre estarán libres en nós./Exiliáronas,/ mais sempre estarán dentro de nós./ Acaláronas,/ mais sempre falarán para nós.