A vida de Rodríguez López no transcorrer dos anos

manuel calvo lópez

LUGO CIUDAD

Era home afable e aberto á conversa, xovial, de trato sinxelo e de aspiracións modestas

11 abr 2017 . Actualizado a las 20:08 h.

Jesús Rodríguez López foi un médico celosamente amante do seu labor, que loitou non pouco contra a falsa ciencia dos menciñeiros ao longo da súa vida, como se pode ver nalgunha das súas obras, de contido científico-divulgativo, das que cabe subliñar, en volume, Ligeros apuntes sobre las supersticiones en Galicia (1895) e Las preocupaciones en medicina (1896). Do mesmo estilo son ensaios, estudos e artigos que aparecen espallados pola prensa rexional, nacional e mesmo ultramarina, neste último caso na revista bonaerense El Eco de Galicia. Entre un número inxente cabe subliñar Baños y aguas, serie de oito artigos publicados en 1891 (El Regional, Lugo, entre o 5 de xullo e 18 de outubro). Son, loxicamente, de divulgación sobre a hidroterapia, mais o primeiro deles é significativo pois o autor, que colabora no xornal lucense nunha páxina que leva por título Página Literaria, di: «En el compromiso de escribir algún artículo de carácter literario traté de buscar algún asunto que fuera útil más que literario, porque en este último concepto siempre resultaría insuficiente, efecto de mis escasas aptitudes para tal género de escritos» (Ibid., 5-VII-1891); Estudio psicológico acerca de la mujer lucense (Ibid, 18 e 19 de novembro de 1891 e tamén na Revista Contemporánea de Madrid, Tomo 84, páxs 225-233) e Defensa de las feas (El Regional, 6-III-1898), artigo tomado da súa publicación no Album Iberoamericano de Madrid).

As enfermidades, as pestes, as praias de Galicia ou Asturias, as cualidades das súas augas, a hidroloxía popular, os balnearios, o pobo galego e outros diversos temas conforman unhas deceas de títulos que, por razóns de espazo, non podo citar aquí.

 Un home afable

Segundo algunhas persoas que o coñeceron, era home afable e aberto á conversa, xovial, de trato sinxelo e de aspiracións modestas (Castro Freire, Salvador. Lugo y sus hombres: ensayo de síntesis histórica. Ed. Celta, Lugo, 1951). Católico practicante e progresista, tomaba parte activa na vida relixiosa da nosa cidade onde foi asiduo conferenciante na tribuna da Xuventude Antoniana. Sen embargo, negouse sempre a facer artigo de fe de certas opinións ou teorías que, segundo el, pervertían ou, en calquera caso, deterioraban a vontade humana, conducíndoa por camiños que non levaban a unha mellora espiritual ou social que, na súa opinión, eran a base na que se fundamentaba a relixión católica (hai que lembrar a prohibición eclesiástica en contra da lectura de Supersticiones, que lle ocasionou moitas mágoas e aínda problemas económicos, como se verá no seu momento).

Non podemos obviar aquí o feito de que entre o amplísimo número de boas amizades que cultivou ao longo da súa vida cóntase unha longa lista de nomes que chegaron a ocupar altos cargos eclesiásticos: Frei Plácido Rey Lemos, administrador apostólico de Jaén e logo bispo de Lugo; Leopoldo Eijo y Garay, bispo de Vitoria, arcebispo de Valencia e logo bispo de Madrid-Alcalá; Antolín López Peláez, cóengo maxistral en Lugo, e sucesivamente bispo de Jaca e arcebispo de Tarragona (un dos curas aos que consultara antes de publicar Supersticiones); Manuel Lago González, bispo de Osma e logo de Tui, arcebispo de Santiago de Compostela; en fin, amigo mesmo de Benito Murúa López, bispo de Lugo e un tempo despois arcebispo de Burgos, quen censurou o devandito libro prohibindo aos feligreses de Lugo a súa lectura (Consérvanse algunhas cartas de López Peláez e de Lago González a Rodríguez López que eu recollín no meu libro Epistolario a/de Xesús Rodríguez López, Concello de Lugo, 2016).

 Liberal

Politicamente pertenceu sempre ao partido liberal lucense que, despois de Manuel Becerra y Bermúdez, lideraba Benigno Quiroga Ballesteros, mais da súa actividade neste eido non se atopan nin moitas nin importantes manifestacións, sendo en todo caso discretas, escasas e de segundo plano: co comezo do século XX foi concelleiro, primeiro tenente de alcalde e alcalde accidental (durante sete días: do 19 ao 26 de xuño de 1902). Verbo do seu credo cabe subliñar aquí algunhas liñas entresacadas dun brinde que Rodríguez López pronunciou, en marzo de 1898, no convite da proclamación de Benigno Quiroga Ballesteros como deputado por Lugo, celebrado na Fonda Universal, ao que asisten, entre outros, Aureliano José Pereira, Manuel Amor Meilán Manuel M. Fole e o conde consorte de Campomanes; nas súas palabras déixanos ver o seu pensamento político: «… Veo en el triunfo del Sr. Quiroga Ballesteros la paz ansiada que traerá en pos de sí el progreso y bienestar de Lugo … todos debemos ver con cariño el bien que en sí encierra, pues hoy con lo que resuena en los oidos de los españoles el grito de guerra [posible alusión á aciaga guerra de Cuba], es consolador que siquiera entre nosotros veamos la esperanza de la paz que nos es tan necesaria» (El Regional, Lugo, 1-IV-1898).

 Sentir social

Despois de ser elixido concelleiro do Concello de Lugo, foi designado por este para realizar a ofrenda anual ao Santísimo Sacramento nas festas do Corpus lucense de 1900 en nome do Antigo Reino de Galicia. Do seu discurso do día 17 de xuño extracto o seguinte fragmento pola moi realista e agarimosa referencia que fai ao pobo galego: «... Pido que concedáis a los gallegos el espíritu de asociación que necesitan para explotar los productos de este país, haciendo que en él puedan, con su trabajo atender al alimento cotidiano, sin que sientan necesidad de atravesar los mares, para buscarlo en tierras lejanas, en donde con las ilusiones, van a perder muchas veces las creencias que con tanta esperanza, amor y consuelo aquí les proporcionan» (Ibid, 18-VI-1900).

Profesor estudoso de Jesús Rodríguez López