O cárcere, o exemplo a seguir

Adolfo de Abel Vilela

LUGO CIUDAD

31 mar 2017 . Actualizado a las 00:03 h.

Cento trinta anos despois da súa inauguración, que tivo lugar o 23 de xuño de 1887, os lucenses debemos de felicitarnos por ver recuperada para a cultura o cárcere do Partido Xudicial de Lugo (1884-1887), un edificio emblemático da cidade, non só polos fins aos que estivo dedicado senón porque no seu momento supuxo unha novidade ao ser o segundo cárcere modelo que se fixo en España, a primeira foi a do Saladero de Madrid, seguindo os criterios humanitarios propostos para os recluídos por Ramón de la Sagra e Concepción Arenal.

Nemesio Cobreros y Cuevillas foi o autor do proxecto que segue o modelo do Panóptico de Jeremy Bentham, que permitía a un só garda vixiar todas as celas desde unha garita exagonal con cristais de cores situada no centro.

Pero para chegar a esta meta tiveron que pasa 30 anos. En 1987, o antigo cárcere cumpría 100 anos, foi cando sendo alcalde Vicente Quiroga Rodríguez e eu delegado da Consellería de Cultura e Benestar Social, decidimos montar a primeira exposición arqueolóxica e os mosaicos de Armañá nese emblemático edificio, con dous obxectivos: o de dar a coñecer o resultado das escavacións para a construción dos tres aparcadoiros subterráneos de 1986, facer pedagoxía, e tamén mostrar aos lucenses o interior dun edificio con enormes posibilidades para a súa utilización como espazo cultural, como fixeron en Vigo instalando o Museo de Arte Contemporánea (MARCO) no cárcere da rúa do Príncipe.

Logo de clausurada a exposición, que tivo quince mil visitas e que se trasladou á Sala Porta Miñá, para darlle continuidade ao espazo como uso cultural, abriuse nas celas unha exposición de fotografías de Paco Espinar, titulada «125 retratos do Lugo vivo», que eran retratos de lucenses coñecidos.

Naquel momento pretendiamos que se dedicase a museo arqueolóxico convencendo ao conselleiro Alejandrino Fernández Barreiro de que destinase unha cantidade nos orzamentos do seu departamento para a rehabilitación e así foi como durante dous exercicios nos orzamentos da Xunta figurou unha partida de cincuenta millóns de pesetas. Se non se utilizaban a normativa impedía a prórroga.

Iniciativa frustrada

Aquela iniciativa fracasou, porque o cárcere era propiedade dos sete concellos que constituían o partido xudicial e por moi diversas razóns naquel momento non quixeron ceder ou vender a súa parte.

En outubro de 1987 substituíume na delegación de Cultura José Clemente López Orozco, ao que lle correspondeu inaugurar algunha desas exposicións que eu programara. Iso deu lugar a que cando chegou á alcaldía en 1999 retomase a idea de recuperar o cárcere para uso cultural. As súas xestións frutificaron con algúns alcaldes, pero outros resistíronse tendo que recorrer á expropiación.

O Plan URBAN facilitou os fondos económicos para abordar o proxecto cuxo desenvolvemento tamén tivo as súas dificultades debido a créba dalgunha das empresas adxudicatarias, pero hoxe podemos dicir que os lucenses debemos sentirnos satisfeitos pola recuperación deste edificio histórico e artístico, pois marca un fito dentro da arquitectura e do modo de entender o sistema carcerario, e que un espazo de redención e sufrimento, a partir de hoxe se dedique a recordar o que foi e a actividades formativas e lúdicas. Esta obra, que sorprenderá aos visitantes, debería de servir de exemplo para o que se debe facer no cuartel de San Fernando, cuxa recuperación xa se fai longa. Así que felicidades aos que traballaron para conseguilo e aos que van ter a oportunidade de gozalo.