¿Que son as «brúxulas» de Pena do Rei?

XABIER MOURE LUGO

LUGO CIUDAD

Informan ao Concello de Lugo e a Patrimonio da aparición de distintas inscricións en rochas da zona

28 mar 2017 . Actualizado a las 08:03 h.

En 1965, Higinio Martínez de la Vega fala dun «curioso signo esculpido en una roca... aunque no perfectamente redondo, que puede significar un culto al sol, cruzado por una flecha de doble dirección». Di que a dirección é este-oeste, e que seguindo esta última dirección sinala unha mámoa situada a unha distancia duns 50 metros. Escribe que a información sobre este símbolo situado na parte alta dun monte de Marcoi, na parroquia de Alta (Lugo), foille facilitada por Raymond Capdevila, «geólogo-petrógrafo francés», do Servizo de Xeoloxía Xeral da Universidade de Montpellier (Francia) e foi colaborador de Isidro Parga Pondal.

Hai un tempo, buscando algunha información sobre o citado símbolo, conseguimos contactar en Francia co señor Capdevila quen, amablemente, contounos que cando comezou a realizar a cartografía xeolóxica de Lugo, Parga Pondal pedíralle que anotara sobre os mapas os castros e as mámoas que fora localizando. Foi no mes de setembro de 1962 cando atopou unha destas gravuras, que denominou como «brúxula», nas proximidades da coñecida como Pena do Rei. Rematou dicíndonos que non tivera ocasión de darlle os datos a Parga Pondal, e que este tampouco explotou os seus que durante anos cartografiara nuns mapas a escala 1/50.000.

PATRIMONIO DOS ANCARES

Ao ver unhas fotos e un debuxo do interesante motivo que nos enviou o señor Capdevila, feitas naquel xa lonxano ano de 1962, Brais Rodríguez Romero máis eu propuxémonos dar cos curiosos símbolos. Pero a tarefa non resultou doada xa que careciamos de información sobre a súa situación. O único que sabiamos era que se atopaban nalgunha parte do Monte da Pena do Rei que abrangue as parroquias luguesas de Adai, Alta, Camoira, Outeiro das Camoiras e O Veral. Mais a sorte sorriunos a través duns veciños da zona que coñecían a súa existencia e a ubicación aproximada. Foi grazas á súa inestimable axuda como conseguimos localizar algunhas penas con estas gravuras.

Segundo nos contaron, había, ao menos, sete lugares con motivos deste tipo, mais só se localizaron catro, os outros poden permanecer ocultos polo mesto musgo que cubre as rochas ou foron destruídos ao ampliar os camiños (tal como lle aconteceu a un fito de máis dun metro con marcas gravadas) ou ao acondicionar os terreos para a repoboación con piñeiros.

Diferentes círculos

Se as fotos e o debuxo do señor Capdevila xa nos chamaran a atención, cando vimos os gravados in situ quedamos impresionados. Todas as figuras, gravadas sobre a parte horizontal da rocha granítica e con grandes pías naturais, están formadas por un círculo ancho e profundo cuxas medidas oscilan entre os 40 e os 50 centímetros de diámetro.

Un círculo está atravesado por unha frecha cuxa punta indica dirección sur, o extremo oposto ten forma de culatín (a peza na que remata a frecha e que se insire na corda do arco). Un segundo círculo está atravesado por unha liña rematada en ambos extremos por dúas puntas que sinalan a dirección norte-sur. O terceiro é semellante ao anterior, coa salvidade de que as puntas indican a dirección este-oeste.

PATRIMONIO DOS ANCARES

Do último círculo parten tres frechas que apuntan en dirección este-oeste e sur. Ao final da punta que indica o oeste vese unha pía, cremos neste caso que artificial, de 23 centímetros de diámetro.

A distancia entre as distintas «brúxulas» van dos 150 metros entre as máis próximas, e de pouco máis de 1.000 metros entre as máis alonxadas. Tres das penas levan os nomes de Os Mollos, A Marcación e Cal dos Vasos, observándose dende elas unha impresionante panorámica de Lugo.

¿E o seu significado? Todos os motivos localizados atópanse en montes comunais, en terreos das parroquias de Adai e Camoira, dous poderían actuar como límite entre ambas, pero non os restantes que non delimitan nada, ao menos na actualidade. Outra gravura, que non puidemos atopar, estaba situada, ao parecer, na Pena do Rei, o punto máis alto do monte do mesmo nome, a 657 metros de altitude. Mesmo no cume, inzado por grandes penas con pías naturais e coviñas artificiais, hai unha gran mámoa que ata non hai moito estivo coroada por un vértice xeodésico. Este foi trasladado para as inmediacións, aínda que cómpre observar que sobre o túmulo aínda permanece a base de formigón.

Nós non creemos, como se desprende do artigo do señor Martínez de la Vega, que se trate dun símbolo de culto ao sol prehistórico, as «brúxulas» semellan sinalar máis ben os límites dun antigo couto xurisdicional, quizais dun mosteiro ou dun señorío da Baixa Idade Media. Pero de cal? Que saibamos, na zona non existiu ningún mosteiro, pero si unha torre medieval que na actualidade só conserva unha das paredes laterais. Trátase da Torre de Aez, na parroquia de Outeiro das Camoiras, que aínda conserva, sobre unha ventá, o escudo dos Castro e dos Gaioso. Segundo contan as xentes do lugar, os perpiaños da fortaleza foron reutilizados para a construción de vivendas, e tamén chegaron a aproveitalas como grava para as vías do tren. Foi declarada como BIC por Decreto de 22 de abril de 1949. Aínda que se trata dunha torre de orixe medieval, os primeiros datos escritos datan de 1643 en que figura nunha escritura de compra-venta. Hipótese, recoñecemos, polo de agora, con pouco fundamento xa que os marcos xurisdiccionais atopábanse a máis distancia os uns dos outros, e estes concéntranse nuns poucos centos de metros. Do que si estamos convencidos é que quen mandou gravalos non o fixo para adornar as penas.

A antiga xurisdición de Torredez, como era denominada, comprendía as parroquias de Camoira, Outeiro das Camoiras, Cotá, Serén e Vilalbite, as dúas primeiras pertencentes ao concello de Lugo e as tres últimas, hoxe en día, a Friol. Con independencia do seu significado, que quizais nunca chegaremos a saber, a execución destas «brúxulas» resultou extremadamente laboriosa o que indica, pola boa factura, que foron feitas para perdurar no tempo. Trátase, sen dúbida, duns símbolos excepcionais, sen semellanza, que nós saibamos, con outros existentes en Galicia.

«Foron feitas para perdurar no tempo. Son símbolos excepcionais, sen semellanza con outros existentes

en Galicia»