A mellora da linguaxe na infancia centra un proxecto entre o campus e o Illa Verde

LUGO CIUDAD

Haberá novos obradoiros desde o luns

03 mar 2017 . Actualizado a las 19:46 h.

A linguaxe na infancia centra un proxecto entre a facultade de Formación do Profesorado e o CEIP Illa Verde de Lugo. Trátase dun estudo de Aprendizaxe-Servizo (ApS) centrado na detección e avaliación de problemas de linguaxe na infancia. Ata o momento desenvolvéronse un total de trece actividades e obradoiros e retomaranse o luns.

A primeira parte do proxecto incluiu xogos do estilo «pasapalabra», «memory» ou «bingo de palabras», o que serviu, segundo os promotores da iniciativa, para que os nenos consolidasen a aprendizaxe lectora e mellorasen a súa precisión e velocidade.

Desde a USC explican que os proxectos de ApS teñen como obxectivo emprender experiencias de aprendizaxe nas que o alumnado destaca pola súa participación activa, de contacto e coñecemento da realidade que lle rodea: «A Universidade, a través deste tipo de actuacións, abre as súas portas á sociedade e comprométese de forma activa con ela. De xeito parello, os proxectos ApS pretenden emprender accións nas que quen recibe o servizo obteña un beneficio naquilo que considera conveniente. Intégrase, pois, o servizo á comunidade coa aprendizaxe de contidos, habilidades e valores, constituíndose así unha alianza de éxito, na que ambas as partes realizan achegas e benefícianse á vez do proxecto».