Pimentel foi un dos nosos mellores poetas. Médico de profesión, en vida só publicou o poemario Triscos (en Benito Soto, a editorial de Sabino Torres, en 1950). Realmente, ata o ano 2009 non se publicou a súa obra completa, recompilada e preparada (traballo que a ocupou dende finais dos anos setenta) pola especialista Araceli Herrero Figueroa. O Barco sin luces sobre o que lle preguntou Borobó en Praterías seica ía ser publicado en galego por Ánxel Casal, pero o exemplar desapareceu na queima da Editorial Nós da rúa do Vilar en 1936.
A versión en castelá aparecería en Ediciones Celta de Lugo en 1960. E un ano antes, no 59 (tamén xa que logo post-mortem), vía a luz Sombra do aire na herba (Galaxia). Estes dous poemarios alcanzan os máis intensos e expresivos cumios da poesía do seu tempo. En Barco sin luces inclúe o extraordinario Diario de un médico de guardia (un retrato tan humano, auténtico, da perda e da dor, que debería ser lectura obrigada en colexios... e hospitais). E en Sombra do aire na herba, obra de título insuperable, escribe: «Eu son o poeta elexido / pra fustigar, facer fuxir / os misteriosos cabalos de sombra».