Carta da alcaldesa de Lugo ao presidente Feijoo

LUGO CIUDAD

01 dic 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Primeiramente, como alcaldesa de Lugo, quero trasladarlle, tanto no meu nome como no da corporación municipal e do pobo de Lugo, os parabéns pola súa toma de posesión como presidente desta nosa comunidade.

Comeza a X lexislatura da Xunta de Galicia e creo que, polo tanto, é o momento oportuno para establecer novas fórmulas de relación entre a entidade local e a administración autonómica que temos a honra de presidir e representar. Por este motivo, solicítolle fixar unha data para manter unha xuntanza de traballo coa finalidade de tratar temas da súa competencia en Lugo e enfocar as actuacións da Xunta nesta cidade para os vindeiros catro anos. Evidentemente, é certo que o Concello xoga un papel fundamental no desenvolvemento da cidade, pero tampouco é menos certo que a Xunta desempeña un papel determinante ao tomar decisións que afectan directamente a todos e cada un dos 98.134 lugueses.

Tal e como dixo vostede publicamente, “comeza un tempo novo, un tempo de acordos, para afrontar os grandes retos que ten a sociedade por diante”. Pois ben, no que a Lugo se refire, a Xunta ten grandes retos que afrontar. A dotación dos servizos de Hemodinámica as 24 horas, e a finalización da implantación completa de Radioterapia e Medicina Nuclear no HULA, a conversión do Cuartel de San Fernando en Museo da Romanización, a construción da Ronda Leste, a dotación de servizos no barrio da Residencia, prazas públicas de residencia e centro de día para os nosos maiores, prazas públicas de gardería, o equipamento do novo auditorio, a construción da estación intermodal, a execución do Plan Paradai, a continuidade do plan de rehabilitación de vivendas na Tinería, a posta en valor do Camiño de Santiago ao seu paso por Lugo, ou as competencias en materia de servizos sociais son algunhas das cuestións que debemos abordar conxuntamente e de inmediato porque son vitais para o futuro do concello lucense.