«Son galeguista, pero non podo falar mal de Franco porque lle debo o que teño»

Enrique Gómez Souto
enrique g. souto LUGO / LA VOZ

LUGO CIUDAD

Carlos Castro

Chegou ao Concello en 1966 co alcalde Fernando Pedrosa e permaneceu ata 1987, ano no que gobernaba Quiroga

16 nov 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Garda na súa memoria unha gran parte da historia da vida política municipal dun longo período de tempo, que se inicia a mediados da década dos anos 60 do século pasado. Ramón González Rodríguez (Sober, 1929) foi elixido concelleiro polo terzo de familia o 13 de novembro de 1966; seguiu sendo concelleiro ata 1987. «Son galeguista, pero non podo falar mal de Franco porque lle debo o que teño». Aquel día do 1966 naceu para a política un persoeiro que tería gran protagonismo na vida lucense. Hoxe segue polo miúdo os avatares da vida política municipal.

-¿Por que decidiu presentarse ás eleccións para concelleiro no franquismo?

-Animáronme os amigos. Eu traballaba en Frigsa. Os traballadores da empresa mobilizáronse cando souberon que me presentaba e déronme o seu apoio.

-Presentouse polo terzo de familia...

-Si, nesas eleccións cubríanse tres prazas das do terzo de familia; os outros terzos eran o sindical e o de entidades.

-¿Con cantos competiu nesas eleccións?

-Eramos 12. Eu fun o máis votado (2.747 votos), seguido de Manuel Lamela Rodríguez (1.910) e Pedro Rodríguez López (1.843). Daquela había en Lugo 19.000 cabezas de familia.

-¿Recorda aos outros competidores?

-Si. Eran estes: Pedro Fernández Paíño-Vila, Manuel Jato Pérez, José Antonio Rodríguez Fernández (Zaringa), Leoncio Cadórniga Carro, Francisco Abuín Ferreiro, Luís Liz López, Manuel Sureda Costa e Edilberto Pérez Lara. Entón a corporación estaba formada por 18 concelleiros e o alcalde, que o nomeaba o gobernador civil

-¿Como acaba traballando en Frigsa un home que perdeu os dous brazos nun accidente en Sober?

-En síntese, grazas a Franco pasei trece meses en Madrid na Clínica do Traballo, entre os anos 1952 e 1953. Alí pasei seis operacións para poder usar as próteses. Máis tarde escribín unha carta ao ministro de Traballo, que era Fermín Sanz-Orrio, que a recibiu por Julián Santa Cruz, un alto cargo que era do Páramo. Eu vin da aldea de Naz (Sober) a Frigsa en abril de 1958.

-¿Quen era alcalde cando saíu elixido concelleiro?

-Era Fernando Pedrosa Roldán, un home moi traballador.

-¿De que responsabilidade se fixo cargo?

-Eu daquela vivía na rúa Río Cabe e non tiña teléfono, polo que para localizarme chamábame a Frigsa. Díxome que tiña que falar comigo. E ofreceume a delegación de limpeza. Cando cheguei a miña casa pola noite, conteillo á miña muller. Díxome: «Después de ser el que más votos sacaste te manda a la m...». Pasei a noite sen durmir. Fun falar co alcalde e díxome: pasa seis ou oito meses nesa delegación e se non estás contento, cámbiote. Pasou o tempo, e, a maiores, designoume tenente de alcalde e delegado tamén de xardíns e obras. Pedrosa dixo nunha entrevista que eu era «lo mejor que tengo en Casa». Cando eu era delegado de limpeza, comprouse o primeiro camión propiamente para recollida de lixo que tivo Lugo.

-¿A que outras eleccións se presentou?

-Volvín saír polo terzo de familia en 1973, con 8.060 votos, e xa na democracia, presenteime no 1979 como independente; saímos catro concelleiros, pero houbo que repetir as eleccións e saímos dous: eu e Manuel Rodríguez Trabada. No 1983 saímos eu e Manuel Penado. Foron máis de 20 anos como concelleiro.

Sete alcaldes para o tránsito da ditadura á democracia

Ramón González publicou no seu día unha ampla recompilación de informacións de prensa sobre a súa vida que titulou Memorias dun home mecánico; é un bo reflexo da personalidade de González. Este home foi concelleiro na «democracia orgánica», que era como definía Franco ao seu réxime, e na democracia. Exerceu o cargo con sete alcaldes distintos na presidencia da corporación municipal. De todos garda un bo recordo: Fernando Pedrosa Roldán, Antonio Pol, Víctor Basanta, Tomás Notario (volveu ser alcalde entre 1991 e 1995), Jesús Ibáñez, José Novo Freire (primeiro alcalde democrático) e Vicente Quiroga Rodríguez. Gobernando este último, recorda o xornalista algún momento protagonizado por González tan entretido para o espectador como desquiciante para o alcalde. Votábase un asunto no que non acababan de coincidir. González anunciou así o sentido do seu voto e do seu compañeiro Penado: «Señor alcalde, sentíndoo moito (pausa larga)... Temos que votar afirmativamente (nova pausa)... Non». Foi un momento estelar nas intervencións plenarias de González como concelleiro na etapa democrática.

González garda na súa casa un verdadeiro arquivo da política municipal. Agora prepara unha nova recompilación de publicacións relacionadas coa súa vida e a súa actividade política. Dedica tempo a diario a organizar o material abundantísimo que foi recompilando. Entre as súas fotos figura unha dunha recepción por Franco; de el di que non pode falar mal. «É de ben nacidos ser agradecidos». Aquel mozo de 16 anos que perdeu os brazos nun accidente en Canabal cando pretendía prepararse para factor de Renfe non esqueceu que, grazas a axuda do Estado franquista, conseguiu as próteses e traballo en Frigsa.

Lugo cambiou moito en 50 anos, os transcorridos desde que González saíu elixido concelleiro por primeira vez. Pero detrás de moitas das cousas que empezaron a modernizar a cidade estivo el. Aquel primeiro camión para o lixo foi só un primeiro paso.