Salvar os petos de ánimas

Os pequenos monumentos, unha das manifestacións devocionais máis xenuínas do pobo galego, precisan ser postos en valor mediante un plan director


Con motivo do Día de Defuntos, convén lembrar aos petos de ánimas, un dos monumentos máis característicos de Galicia, cuxo significado e función descoñecen moitas persoas. Xunto cos cruceiros, son unha das manifestacións devocionais máis xenuínas e identitarias do pobo galego. Se ben o estado de conservación dos existentes, no concello de Lugo, é bastante aceptable, urxe, non obstante, realizar pequenas intervencións de restauración, o acondicionamento da contorna dalgúns deles e, sobre todo, a súa posta en valor. Así, as xeracións vindeiras poderán entender a vella relixiosidade do pobo, capaz de expresar, neste tipo de obras, a súa devoción e os seus temores á morte para conseguir á salvación da súa alma, creando este tipo de construcións tan características da zona galaico-portuguesa e inexistentes noutras zonas do Estado español.

Estes monumentos, xunto cos cruceiros, cruces de pedra e viacrucis, todos eles protexidos pola lexislación, constitúen unha parte moi importante do patrimonio histórico artístico e etnográfico, aspectos esenciais dunha cultura que nos caracteriza como pobo diferenciado. É por iso polo que a súa recuperación debe ser unha tarefa urxente, arbitrándose medidas para asegurar a súa integridade, así como tamén proceder á súa rehabilitación e posta en valor a través dun plan director.

Segundo Vicente Risco, os petos de ánimas só aparecen na parte occidental da península Ibérica, na zona habitada polo pobo galaico-portugués. Son construcións populares pétreas de carácter relixioso, vencelladas ao dogma católico do purgatorio, nas que se lles rende culto ás ánimas e, por extensión, aos mortos. Trátase de monumentos arquitectónicos que teñen como finalidade mitigar os sufrimentos das almas dos defuntos, procurando asegurar a súa salvación total, a través de distintos tipos de ofrendas (esmolas, oracións) realizadas polos vivos que, con estas accións, tamén fan méritos para a súa propia salvación pola intercesión das almas liberadas.

 Petos e esmoleiros

Convén distinguir entre petos de ánimas e esmoleiros, pois os primeiros están só dedicados ás almiñas do purgatorio e a San Antón, mentres que os segundos abranguen outras advocacións. Os dous monumentos teñen en común, ademais da forma arquitectónica, unha hucha para as esmolas, normalmente situada aos pés da imaxe do retablo.

Aínda que hai diferentes tipoloxías, petos e esmoleiros constan, por regra xeral, de tres corpos, realizados en perpiaño, a xeito dun retablo: o inferior, rematado nunha cornixa voada que fai, ás veces, de repisa; o central, no que se abre un nicho ou fornela que acolle o retablo de ánimas ou a imaxe do santo ao que está dedicado, así como tamén o caixón das esmolas e, por último, o ático, normalmente, coroado por unha cruz flanqueada por pináculos. Unha das características neste tipo de monumentos é a súa frontalidade, xa que se trata de construcións fachada nos que os muros laterais e posterior teñen menor importancia.

Diciamos que os petos de ánimas están vencellados ao purgatorio, estado intermedio entre o ceo e o inferno, onde van as almas dos que non morreron en pecado mortal, ata o xuízo final, co obxecto de expiar as faltas leves entre lapas. Se ben as penas son semellantes ás do inferno, a súa principal característica é que non son eternas e, ademais, constitúen a etapa final de todo o proceso de salvación. Non obstante, existen medidas para acurtar a estadía das almas no purgatorio, (misas, oracións, esmolas, indulxencias?) medidas que tamén, xunto coas boas obras, benefician tamén os vivos para cando lles chegue a súa quenda.

 O purgatorio

No ano 1274, no Concilio de Lyon II, ten lugar o recoñecemento oficial do purgatorio. Co obxecto de pasar o menor tempo posible entre as súas lapas, nas que purificar os pecados veniais, multiplícanse entre os devotos a busca de axudas que lles permitan acceder canto antes ao ceo. Unha delas foron as indulxencias, sendo a súa venda masiva por parte da Igrexa, con Xulio II como papa, a que provoca a denuncia de Lutero e o correspondente cisma. O Concilio de Trento ratifícase na validez da doutrina do purgatorio e das indulxencias e, nese contexto da Contrarreforma, é onde hai que situar a aparición dos petos de ánimas e o desenvolvemento dos cruceiros.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
2 votos
Comentarios

Salvar os petos de ánimas