«O público de Lugo é moi cálido»

Xosé María Palacios Muruais
XOSÉ MARÍA PALACIOS VILALBA / LA VOZ

LUGO CIUDAD

Actuou no San Froilán o Domingo das Mozas e visitará Vilalba este sábado

13 oct 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Dicir María do Ceo equivale, dunha maneira case automática, a dicir fado, e dicir fado supón, sobre todo ao norte do Douro, pronunciar o nome de María do Ceo. Na súa traxectoria hai incursións por outros estilos, pero ningún lle fai sombra a ese, nin a ela lle molesta, nin ao público lle preocupa.

Esa presenza notouse en concertos como o que ofreceu en Lugo neste San Froilán, o Domingo das Mozas, e estará presente tamén no que ofrecerá en Vilalba o sábado -Auditorio Municipal, oito e media do serán-. O seu disco más recente é «De Portugal a Galicia. Fado», e reflicte ben o título no seu contido.

-«Fado galego e miñhoto, desde o Douro ao río Eo, desde Fisterra até o Porto», canta vostede. ¿É todo ese territorio o mesmo?

-Creo que si. Se cruzas por Chaves, non sabes que estás en Portugal; estás en Viana do Castelo ou en Vigo e non hai diferenzas no clima. O fado do norte non ten que ver co de Coímbra para abaixo. Nesa lingua miñota, que se fala a un e outro lado do Miño, é na que me baseo cando canto. Creo que parte do meu éxito é porque se entende a miña fala.

-Os fados dominan o seu repertorio e a súa traxectoria. ¿Non sente tentación de experimentar outras con músicas?

-Nos discos fixen algún bolero, tanto en galego como en castelán; pero o público xa se encarga de dicirme que non abandone o fado, que é onde mellor me movo. É o fado do norte, con esa dozura de lingua.

-Cando inclúe cancións galegas nos deus discos, ¿por que escolle algunhas? ¿Percibe que hai nelas a mesma melancolía e a mesma saudade que se pode atopar nun fado?

-Creo que se a algún portugués se lle ocorrese cantar cancións de Rosalía, serían auténticos fados por esa melancolía. Unha canción como «Lela», que interpreto dende hai vinte anos, xa a ten a xente vencellada comigo, cando non é miña.

-¿Non teme que a súa figura quede reducida exclusivamente ao fado?

-Non me importa quedar encadrada aí. É un estilo, é unha pegada. O máis difícil de acadar é que se che recoñeza polo estilo que tes; eu téñoo.

-¿É máis difícil cantar poemas aos que se lles pon música que interpretar textos escritos como parte dunha canción?

-O máis difícil para min foi musicar a [Xosé Luís Méndez] Ferrín pola liberdade do poema; e unha vez que o fixen, sentinme orgullosísima. Ás veces os poemas xa teñen a súa música, e hai que traballalos moito: pasoume, hai pouco, cuns poemas de [Eduardo] Blanco Amor.

-¿Como é o público de Lugo, onde actuou o domingo?

-Un público cálido, cariñosísimo. Sentinme moi ben. Ninguén se moveu; durou unha hora e ía frío; a xente estaba encantada. Cando se nota que gustou, é cando baixas do escenario e a xente quere fotos. Foi extraordinario, porque levaba uns dezaséis anos sen actuar en Lugo. Creo que a última vez foi no 98 ou no 99: choveu o que non está escrito, cambiouse o escenario do concerto... e ata hoxe.