Carteis crebacabezas de Vizoso

antonio reigosa EXPOSICIÓN

LUGO CIUDAD

. alberto lópez

13 oct 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Ata o 30 de outubro vai estar aberta no refectorio do Museo Provincial a exposición «Vizoso. Carteis (1970-2015)», unha escolla mínima pero ben representativa da produción de Xosé Vizoso como cartelista ao longo de 45 anos.

Trátase dunha exposición itinerante que comezou a súa andaina en Mondoñedo en 2014, que pasou por Brión e Rianxo e agora fai parada en Lugo. Vizoso é mindoniense, nacido en 1950 a carón da Fonte Vella. Sempre debuxou; desde neno o lapis foi a súa ferramenta profesional. Desde a escola de primaria ao instituto, onde tivo de profesor a Juan Puchades, todo parecía apuntar que o debuxo era o seu principal acougo.

Moi novo, en 1968, superando unha convocatoria para deseñadores, foi contratado, primeiro no Castro, en Sada, logo en Sargadelos, Cervo, onde comezou cando se inaugurou a nova fábrica en 1970. Logo pasou a traballar no Instituto Galego de Información (IGI), en Compostela, ata a xubilación. Desde 1992 reside en Brión.

En Sargadelos fixo de todo. Abocetou, moldeou, deseñou desde aquela mítica vaixela «toxo color», inspirada nos murais de Bello Piñeiro, pasando por xogos de café, medallas conmemorativas ou, entre outras moitas pezas, «A pomba», «As San Lucas» e o «Quixote e Sancho Panza». O espírito de Sargadelos, a conexión coa historia e a cultura de noso, Luís Seoane e Isaac Díaz Pardo como mestres referentes, moldearon nel o que hoxe é, un artista cunha identidade de seu, unha marca persoal e intransferible. Un mestre!

Muralista de libros

Porén, ademais de cartelista e deseñador, Vizoso é muralista e ilustrador de libros. Da súa cabeza saíron ducias de portadas e de interiores, a maioría en libros publicados por Edicións do Castro, e puxo o seu nome a carón de ilustres das nosas letras como X. Fernández Ferrro, Úrsula Heinze, Marica Campo ou X. Neira Vilas.

Vizoso non cre nas musas. Xosé Vizoso non cre nas musas; só ten fe no traballo, a ser posible ben feito. No repertorio temático da mostra de Lugo hai un pouco de todo. Certames e representacións teatrais, olaría de Buño, a festa do ferro de Riotorto... pero, sobre todas as demais, para quen máis carteis fixo foi para a Romaría de Santa Minia de Brión, para a Queimada Popular de Cervo e para as Feiras e Festas das San Lucas de Mondoñedo; lugares referenciais: onde traballou, onde reside e onde naceu.

En moitos destes carteis a composición adoita a forma dun crebacabezas no que hai que ir descubrindo elementos, cores, figuras, detalles simbólicos e icónicos, e incluso chiscadelas con dobre ou triple intención. No mostra de Lugo, composta por 44 obras, predomina a elegancia e o bo gusto, carteis proporcionados de cor e composición, sinxelos, elaborados de maneira que poidan ser inmediatamente dixeridos pola atención do espectador.

Vendo os carteis de Vizoso, a maioría de nós sabe de quen son. Máis non se lle pode pedir a unha obra de arte. Que sexa recoñecible, que saibamos de quen é e que nos atraia! Pero, sobre todo, que entendamos desde o primeiro instante, como entende Vizoso, que un cartel non é máis (nin menos) que unha maneira estética de comunicarnos!

Antonio Reigosa, cronista oficial de Mondoñedo. (Nestes días Xosé Vizoso, artista mindoniense, mostra unha retrospectiva de toda a súa obra na sede do Museo Provincial en Lugo con protagonismo para As San Lucas).