Nin «sorpasso» nin sorpresas

Lara Méndez ALCALDESA DE LUGO

LUGO CIUDAD

01 jul 2016 . Actualizado a las 14:30 h.

As eleccións do pasado domingo aclararon certos aspectos do entramado electoral sobre os que merece a pena reflexionar. O primeiro é que a ideoloxía importa. Esta afirmación, debido á irrupción de novas forzas políticas que se autodefinían como desideoloxizadas (Podemos) ou de estrito centro, como Ciudadanos, se puxo en cuestión dicindo, en certas análises, que o eixo esquerda e dereita non importaban e se cambiaron por outros más etéreos como pode ser arriba/ abaixo ou vello/novo. Nada máis lonxe da realidade; a ideoloxía segue importando e non se pode sumar forzas para sumar votos se as ideoloxías son diferentes, ao igual que non se pode ir en contra do teu electorado firmando acordos se non es capaz de explicarllos aos teus votantes. Estou falando no primeiro caso da suma dun partido fortemente ideoloxizado como IU con outro partido «atrapaotodo» (catch-all party) como é Podemos e, en segundo termo de Ciudadanos, onde moitos dos seus votantes retornaron ao seu partido base, como é o PP.

A segunda clave é a mobilización. Para os partidos a mobilización do seu electorado segue sendo a clave para gañar as eleccións. E isto é o que conseguiu facer o PP coa campaña do medo que despregou consistente en «ou nós ou o desastre».

Ao fío da mobilización, a terceira clave: as enquisas como instrumento político. Todas as enquisas coincidiron en que gañaba o Partido Popular e que o chamado sorpasso era seguro. Se sumamos as enquisas como elemento mobilizador e a campaña do PP, onde calquera que no sexa el é o caos, temos o agregador de voto do Partido Popular; o medo.

A cuarta clave é o PSOE. É o partido que, contra prognóstico, é, de novo, a alternativa á dereita. Non é un bo resultado para o PSOE, pero segue sendo o referente da esquerda progresista e europeísta. A fragmentación da esquerda, a confluencia mediática en vaticinar o sorpasso e a campaña do medo do Partido Popular non puideron co proxecto socialista; aínda que non poidamos sentirnos contentos co resultado, salvo excepcións territoriais. E necesario reflexionar como dar resposta aos problemas complexos dos cidadáns mantendo a esencia intacta dos valores socialistas: igualdade e liberdade.