Lucense que gañou un Premio Nacional de Educación: «O esforzo vai en acabar o proxecto; os premios veñen 'a posteriori'»

O Ministerio de Educación valorou o traballo final e a nota acadada no ciclo de Fotografía Artística, que cursou na Escola Ramón Falcón de Lugo


Lugo / La Voz

Bruno Martínez Pérez, coñecido como Bruno Máez, foi un dos seis estudantes galardoados en toda España co Premio Nacional de Educación en ensino non universitario, na categoría de rendemento académico e na modalidade de Artes Plásticas y Diseño, que outorga o Ministerio de Educación, Cultura y Deporte. Este mozo de Lugo, veterinario, finalizou o pasado curso o Ciclo Superior de Fotografía Artística na Escola de Arte e Superior de Deseño Ramón Falcón, de Lugo, estudos polos que recibiu este recoñecemento. O galardón consiste en 1.000 euros para cada alumno premiado. A propia directora da Ramón Falcón, Esther Muñoz, felicitou a este estudante polo premio.

-¿Esperaba conseguir este premio?

-Era unha posibilidade porque xa fun premiado previamente a nivel autonómico, polo que non me pillou tan de sorpresa, aínda que eramos moitos en toda España os que optabamos a estes premios.

-¿Que se valora á hora de conceder o galardón?

-Primeiro tés que ter unha nota mínima e, en segundo lugar, valoran diferentes aspectos do proxecto de fin de ciclo.

-¿Cal é o segredo para gañar estes premios?

-No meu caso, polo menos, o esforzo vai en acabar o proxecto; os premios veñen a posteriori, o difícil é elaborar todo o traballo do proxecto final.

-¿En que se centrou o seu proxecto?

-Levoume moito tempo perfilalo e moito esforzo levalo a cabo, é un traballo moi complexo. Supón, a grandes rasgos, unha crítica social, ou máis ben unha visión persoal do que ocorre socialmente. Para elo, inspireime na película Blade Runner, que está baseada no libro de Philip K. Dick ¿Sueñan los adroides con ovejas eléctricas? A miña primeira intención era contar Blade Runner en vinte fotografías, pero ao final fun afondando no tema, sobre todo no libro, e saíu algo moito máis complexo e elaborado. En vinte fotos e máis de cen páxinas de memoria intento describir o que ocorre hoxe en día socialmente. O proxecto tituleino Future noire. ¿Cree usted que los androides tienen alma?

-¿Seguirá agora traballando na fotografía?

-Eu son veterinario, pero desde sempre me gustou a fotografía, así que un día dixen, «agora ou nunca», e matriculeime no ciclo. Pero é complicado vivir disto, aínda que teño gañados varios premios de fotografía. De todos os xeitos, o que realmente me dá de comer é facer substitucións como profesor na rama sanitaria da Formación Profesional. Aínda así, non deixo a fotografía e intento seguir afondando como director de fotografía en cine; de feito, fun nominado aos Premios Mestre Mateo pola curta Pepe, o cancodrilo. E agora estou traballando noutras outras dúas curtas. Tamén fun seleccionado en Photo España.

-¿Supoñen unha esperanza para o futuro da rama artística este tipo de premios?

-Realmente, para min o premio é unha especie de respaldo sobre o que son capaz de facer, pero pouco máis. Expoñer o meu traballo require un investimento que as Administracións non soen estar interesadas en facer, así que é bastante complexo saír adiante só con este traballo.

A miña primeira intención era contar ?Blade Runner? en vinte fotos, pero afondei máis no tema

Newsletter Educación

Recibe todas las semanas la información más relevante sobre educación

Votación
0 votos
Comentarios

Lucense que gañou un Premio Nacional de Educación: «O esforzo vai en acabar o proxecto; os premios veñen 'a posteriori'»