Homenaxe a Manuel María en Outeiro de Rei

La Voz

LUGO CIUDAD

Alberto López

Léronse poemas e tivo lugar unha ofrenda floral no panteón do poeta

15 may 2016 . Actualizado a las 23:12 h.

Esta mañá tivo lugar un acto de homenaxe a Manuel María en Outeiro de Rei. Nun acto organizado polo BNG, «Recordo da Tribo ao seu Poeta», levouse a cabo unha ofrenda floral no panteón do poeta e houbo unha lectura de poemas e actuacións musicais. 

Manuel María, nado en Outeiro de Rei en 1929 e falecido na Coruña no 2004, viviu a literatura xa dende moi novo, pero a súa traxectoria como autor pode datar o seu inicio arredor de 1950. A partir de entón, non deixaría de escribir ata os seus derradeiros días, deixando como legado unha obra tan ampla -máis dun cento de títulos- como diversa. Aínda que destacou principalmente na poesía, cuns poemarios dunha calidade que o converteron nun dos autores máis relevantes da literatura galega da segunda metade do século XX, tamén cultivou o ensaio, o xornalismo e o teatro. Tampouco convén esquecer a súa faceta de divulgador e animador cultural, dende o seu papel como promotor de revistas poéticas ata as incontables conferencias e recitais que protagonizou.

De todo isto dá testemuño o libro Manuel María. Palabra viva de amor e afirmación, unha antoloxía a cargo de Mercedes Queixas Zas, autora tamén da informativa introdución que precede a escolma e que contextualiza ao escritor e a súa obra. O volume pode adquirise o vindeiro martes con La Voz de Galicia por 1,95 euros mais o prezo do xornal, e forma parte da colección coa que o diario se suma dende hai xa quince anos á celebración do Día das Letras Galegas.