Muralla e Camiño Primitivo, patrimonio mundial

Imaxe da Muralla coa Tinería no ano 1972.
Imaxe da Muralla coa Tinería no ano 1972.

lugo

Cando La Voz de Galicia se instalou en Lugo a Muralla estaba a piques de comezar a ser liberada das casas ás que daba acubillo grazas ao interese que puxo un alto funcionario do Ministerio de Educación y Ciencia, naquel momento subdirector xeral de Bellas Artes, Ramón Falcón Rodríguez, natural dunha aldea de Castro de Rei.

A chamada Operación Muralla foi unha lotería para a maior parte dos afectados polas expropiacións. As obras de restauración foron inauguradas o 28 de xullo de 1976 por Juan Carlos I e Sofía de Grecia, a primeira visita que facían á cidade como reis, pois xa estiveran aquí sendo príncipes o 29 de outubro de 1964 para contrarrestar o posible efecto político doutro dos pretendentes, Hugo Carlos de Borbón Parma e Borbón e a súa esposa Irene de Holanda, que co pretexto de que estaban en viaxe de noivos, foron recibidos o 11 de xuño con gran entusiasmo polos carlistas e tradicionalistas.

O derribo das casas

O 22 de abril de 1972 derríbase simbolicamente o primeiro dos 81 edificios apegados á muralla en presenza de Florentino Pérez Embiz, director xeral de Bellas Artes, e do subdirector que foi o artífice deste proxecto, que nin sequera os lucenses llo agradeceron marcando o seu nome dos tres que se poden riscar na papeleta do senado cando AP o presentou nas primeiras eleccións democráticas de 1977. «Amiguiños si, pero o voto polo que vale».

Nesa época, a ata bastante despois, da muralla non se sabía practicamente nada. O mesmo ano que se derribaron os edificios Felipe Arias Vilas publicaba en Studia Archaeologica, o primeiro traballo científico sobre o monumento, baixo o título Las murallas romanas de Lugo.

Como non se sabía nada da etapa moderna e contemporánea do monumento, decidín meterme no tema e ese mesmo ano publicaba o primeiro traballo, Origen de las edificaciones adosadas a la muralla de Lugo, ao que seguiría un segundo ampliado en 1974, e en 1975, 200 años de obras y restauraciones en la muralla de Lugo, edicións pagadas por min a prazos porque aquí ninguén daba un can para iso.

A excepción foi a primeira guía sobre o monumento, unha edición de dez mil exemplares que fixo a editorial Rialp, fundada en 1949 polo Opus Dei, que pagou o Ministerio de Educación, Guía de las murallas romanas de Lugo, con fotos de Oronoz que era un dos fotógrafos de monumentos máis recoñecidos do momento en España.

Era tal o desinterese pola Muralla que unha vez esgotada a edición xestionei cunha editorial dedicada á edición de guías que fixese unha, pero rexeitouno dicindo que non era rendible, propoñéndome que eu lles pagase a edición, reservándose eles unha parte para comercializala, un negocio redondo para eles e ruinoso para min, e como considerei que a muralla non podía estar sen unha guía editeina cos meus cartos en 1996.

Sendo Vicente Quiroga alcalde, o concelleiro Alfredo Mosteirín, sabendo a miña querencia pola Muralla dicíame que o mellor que se podía facer con ela era levala para O Ceao. Unha proba de que co tempo foi cambiando a súa consideración polo monumento e que cando se fixo promotor inmobiliario deulle o nome de Muralla Romana ao edificio que construíu no solar do Parque de Bombeiros, pero no diario local aínda se publicou a carta dun señor que dicía que había que tirala. Ante as respostas de rexeitamento que recibiu, pediu desculpas asegurando que descoñecía a súa importancia.

Por fortuna ao carro da Muralla hoxe subíronse moitos, incluídos os escépticos que había na Consellería de Cultura de que puidese ser declarada Patrimonio da Humanidade, unha mostra máis do complexo de autoestima que temos para valorar e defender o noso. Non foi fácil conseguir que a Xunta primeiro, e o Ministerio de Educación y Cultura despois, tramitasen a proposta ao Comité do Patrimonio Mundial da Unesco e que a aprobase. Nesta empresa non todas as administracións mostraron no primeiro momento o mesmo interese xa que foron a remolque da presión exercida por algúns partidos políticos.

O abandono no que se atopaba o monumento logo da creación da autonomía, foi a causa que determinou que o Concello solicitase a declaración en 1988 por iniciativa do concelleiro Cándido Sánchez Castiñeiras, sendo alcalde Vicente Quiroga. Pasaron outros dous alcaldes, Tomás Notario Vacas e Joaquín García Dez, e chegou a bo porto a petición con José Clemente López Orozco o 30 de novembro do 2000 na sesión 24 da Unesco celebrada en Cairns (Australia), que fixo colectivo o logro co slogan «Conseguímolo entre todos».

Polo menos, en aparencia, algo cambiou porque a maioría dicimos ser entusiastas da Muralla e ata celebramos todos os anos o aniversario da declaración. Hoxe temos con esta distinción o Camiño Primitivo e a Catedral, elementos que necesitan dunha maior atención e promoción para conseguir rendabilizalos.

O Camiño Primitivo

E cando non o esperabamos no ano 2015 o Camiño Primitivo foi declarado Patrimonio da Humanidade. Fai cincuenta anos ninguén falaba de tal cousa malia ter unha parroquia dedicada a Santiago de orixe medieval, unha capela na catedral, unha porta da muralla presidida polo Apóstolo nunha das saídas e unha Virxe do Camiño na capela do Carmen para a maioría descoñecida. Tiñamos as pegadas do Camiño ante os ollos pero eramos incapaces de velas.

Posiblemente debido á masificación do Camiño Francés, e á virxinidade do Primitivo, a finais do século XX a cidade empezou a recuperar o paso de peregrinos cara a Compostela, véndose xa a necesidade de facer un albergue. A primeira opción que se estudou foron tres casas inmediatas á antiga capela da Virxe do Camiño, actual do Carmen, pero descartouse polas desmesuradas esixencias dun dos propietarios.

Buscouse outra alternativa e no pleno do 26 de xuño de 1998 acordouse a adquisición dunha casa en ruínas da Rúa das Nóreas, propiedade do arquitecto provincial Luís Pérez Barja, pola que se pagou 14,5 millóns de pesetas. As obras comezaron o 13 de febreiro de 1999 e esperábase que funcionase ao ano seguinte que era Ano Santo.

Hoxe xa se quedou pequeno, funcionando un albergue particular ao final da calzada e á entrada da Ponte na casa que en tempos, con negocio de taberna, se chamaba de Golferán, adquirida posteriormente por José Torres da Casa de Codelas de Orbazai, e Natividad Pacios Carballal, da Casa do Labrador de Pontegaos, unha das casas de labranza máis ricas da Ponte, que tiveron o estanco que antes estaba na casa de en fronte, a soada Casa da Concha que fora o Casino do barrio.

Polos anos sesenta o célebre Juan Antonio Vallejo Nágera estivo dous anos substituíndo ao seu tío Antonio Vallejo-Nágera Lobón, como médico director na tempada de baños do balneario. Nájera ía comer ao Club Fluvial e gustábanlle moito os queixos que facían os caseiros da Casa do Baño da que eran propietarias as señoritas de Palmeiro, ás que coñecera na praia fluvial.

Tamén existía a taberna de O Si fán, que puxo Ángel Pérez, na casa que fora orixinariamente do veterinario José Carballo, despois comprada por José Seijas e Dominga Vila, pagada con moedas de ouro traídas de Cuba.

Este bar foi soado por que daba os peixes que dicían que eran do Cagarrote, un dos emisarios das augas sucias que vertían na outra beira do río, entre a Ponte e o Balneario, cando aínda non había depuradora. Nun principio o establecemento íase chamar O Carracho, pero despois o nome xurdiu dunha película de Fu Manchú proxectada no cine do Círculo das Artes. O personaxe chegou a estar gravado nun cristal do bar que romperon uns rapaces do barrio xogando á billarda.

memoria de lugo OS 50 ANOS DA VOZ DE GALICIA EN LUGO

Mosteirín dicía que o mellor que se podía facer coa Muralla era levala ao Ceao

Mercouse no 1998 unha casa na Rúa Nóreas por 14,5 millóns de pesetas para o albergue

Por adolfo de abel vilela OS 50 ANOS DA VOZ DE GALICIA EN LUGO

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Muralla e Camiño Primitivo, patrimonio mundial