A historia das emisoras de radio na cidade


lugo

Cando se instalou a delegación de La Voz de Galicia en Lugo só había un xornal local e unha emisora de radio. Os diarios, bastante caóticos e densos na distribución dos contidos, con máis texto que imaxes, publicaban as noticias que lle servía a axencia oficial EFE, de onde saía a información depurada e lista para ser impresa. Da información que se facía nas redaccións encargábase o Ministerio de Información y Turismo a través das delegacións provinciais que ante unha noticia dubidosa comunicábana a Madrid. De maneira que aquela España cañi das folclóricas con nome de vedetes Marifé de Triana, Juanita Reina, Paquita Rico, Lola Flores, Sarita Montiel, Marujita Díaz, dos cómicos Manolo Moran, Pepe Isbert, Zori, Santos e Codeso, Xan das Bolas, Paco Martínez Soria, Saza, Tip y Coll, Toni Leblanc, Fernando Esteso, Fernando Fernán Gómez, Mariano Azores, Gila, López Vázquez, e outros máis dos que xa non me lembro pero que nos divertían na nosa infancia e mocidade.

Daquela España era «Una, Grande y Libre», segundo rezaba na filacteria do escudo que viamos todos os días nas moedas, pero que non se parece en case nada á actual, que segue sendo case igual de grande en superficie porque nin Cataluña se separou nin Xibraltar se incorporou, perdemos o Sahara con aquela invasión marroquí chamada Marcha Verde amparada polos nosos aliados os norteamericanos aproveitando que Franco agonizaba.

Despois démonos conta de que non era unha senón que como antes había moitas, a dos vencedores e a dos vencidos na guerra civil do 36, unha España de dereitas, herdeira da esencias franquistas, e outra de esquerdas que gusta das da II República e de vernos como unha realidade plurinacional, unha nación de nacións. E nesas andamos e seguimos.

Ata ben entrados os 90, os artigos, os libros, as cartas, os documentos escribíanse a máquina facendo copias en papel máis fino utilizando o chamado de carbón. As redaccións dos xornais enchíase dun son especial producido polos golpes das letras sobre a cinta da máquina de escribir e dos teletipos. Non había fotocopiadoras, nin ordenadores, nin Internet, nin móbiles. E malia estas carencias viviamos.

Radio Lugo, a única

Na cidade só existía unha emisora de radio, a EAJ-68 Radio Lugo, asociada á Cadea SER (Sociedade Española de Radiodifusión), instalada desde a súa fundación no quinto piso da casa número 5 da Praza de Ángel Fernandez Gómez, cun horario de emisión desde a 7,45 ata as doce da noite hora á que se pechaba co toque do himno nacional. Era o seu director e propietario Ramón Beberide Ledo, que como non residía na cidade facía de subdirector, José Torres Sánchez. Un socio era Daniel Méndez Vítori.

Estaban de moda as radionovelas de Guillermo Sautier Casaseca, Ama Rosa, Las dos hermanas, La fugitiva, e outras con centos de capítulos, interpretadas por actores como Teófilo Martínez, Pedro Pablo Ayuso, Joaquín Dicenta, e actrices cunhas voces fenomenais da talla de Juana Ginzo, Matilde Conesa e Matilde Vilariño. Os discos dedicados facían furor o día das onomásticas e aniversarios, despois do sorteo da mili para celebrar quedar na península, e para os que casaban, especialmente os que eran de Triabá (Cospeito). As notas necrolóxicas eran tamén moi demandadas e unha boa fonte de ingresos.

Naquela época escollíanse as voces, tiñan que ser radiofónicas, non servía calquera para falar diante dun micrófono. Había a profesión de locutor e na radio pública tiñan varias categorías. Só os locutores de primeira podían improvisar, os demais tiñan que cinguirse ao guión que lles daban para ler. As voces femininas de Radio Lugo eran a da veterana Amalita Paredes e a de Tonina Gay, que estaba desde 1962. As masculinas, graves e moduladas, poñíanas Carlos Losada Aizpitarte e especialmente Daniel Hortas, que despois terminou na axencia EFE e como xefe de prensa de Tabacalera Española.

Na redacción colaboraban José Tuñas Bouzón, funcionario do Ministerio de Información y Turismo; Francisco Rivera Manso e José Trapero Pardo, que facía un microespacio titulado Cousas da nosa terra que se emitía ao mediodía, e que comezaba con «¡Deus dea boas tardes a todos!» e terminaba cun «¡Bon proveito amiguiños!», que ademais dun desexo de quen o dicía era un aviso para que o control parase a cinta evitando que saíse na gravación a data do seguinte programa.

En deportes Narciso García Fernández (Siso), Alfredo Sánchez Carro (Alsanca) e Alejandro Amieiro. Tamén empezaba Francisco Miguel Rivera Cela. Na administración traballaban Santiago Seijas Fandiño e Francisco López Busto. O servizo técnico estaba a cargo de Antonio Meilán e Germán Fernández.

E apareceu Radio Popular

Pouco despois, en 1967, empezaba Radio Popular de Lugo, con xente moi nova que comezou a facer unha radio innovadora, moi dinámica e moi profesional. As instalacións estaban na Agra de Valiño, á beira da Casa de Exercicios, nun edificio de planta baixa con oficinas, redacción, discoteca, locutorios, controis, estudos de gravación e un para público con escenario e 125 butacas. En fronte dos estudos, en Satuiño (Piugos), estaba e está a emisora e a antena, con casa para o vixiante.

Eran controis, Juan José Martínez Blanco, Juan Abellán, Carlos López Rodriguez, Jesús López Calaza (Bórtolo), Joaquín Fernández Pérez, que despois foi director entre 1987 e 1994 e logo da Apertura entraron Francisco Antonio Nieto Rodriguez e Rafael López de la Vega.

As locutoras eran Teresa Castro Vázquez, Cristina Sánchez á que sucedeu Charo Vila, que terminou na emisora de Madrid, e as voces masculinas de Benito Vázquez Regueira (Jorge de Vázquez) que era o director; Constantino Cabanas, que despois marchou para Radio Nacional de España en Barcelona ao que substituíu Francisco Arrizado Yáñez, que permaneceu na emisora ata a súa xubilación.

Eran redactores, Manuel Lombao Lombao, que terminou en TVE en Madrid e desempeñou outros postos importantes; Jesús Parga López, que foi director de varias emisoras da cadea COPE e secretario xeral de Relacións cos Medios Informativos da Xunta de Galicia; Ricardo Couto e Francisco Miguel Rivera Cela.

As encargadas da discoteca eran María Luísa Díaz Rojo e Elisa Prieto Martínez, que estivo pouco tempo. Entre os varios colaboradores estaban o padre Jesús Mato, como asesor socio relixioso e Xulio Giz Ramil; que tamén facía locución. Os axentes de publicidade eran Marcial José González Vigo e José Muñiz Andión. Nun local da igrexa parroquial de Santiago, na rúa da Raíña, estaban as oficinas, atendidas por Tesesa Rodríguez Varela e Conchita Losada Pérez.

E Radio Nacional de España.

Actualmente as fontes de información son libres, aínda que dependentes do criterio do seu editor, accesibles e múltiples. Hoxe descoñezo cantas emisoras hai na cidade que emiten en distintos sistemas. Daquela só había a onda media, para as emisoras de ámbito nacional e local, e a onda curta, destinada a escoitar a determinadas horas os programas en español de emisoras estranxeiras, como Radio Nederland, Radio París, Radio Pirenaica, e como novidade a Frecuencia Modulada (FM) que melloraba a calidade do son.

Daquela as emisoras españolas tamén estaban controladas pola censura que exercía o Ministerio de Información y Turismo. A conexión con Radio Nacional de España era obrigatoria ás dúas e media da tarde e ás dez da noite para escoitar un informativo de quince minutos, ao que os nosos pais seguían chamando «o parte» reminiscencia dos que daba o bando nacional durante a guerra civil para informar dos seus éxitos, que se transmitía por teléfono e que terminaba cando o locutor con voz solemne dicía: «Gloriosos caídos por Dios y por España. ¡Presentes! ¡Viva Franco! ¡Arriba España!», e seguía unha mestura de tres himnos, o tradicionalista, o da Falange e o Nacional.

Había tamén conexións extraordinarias para divulgar as mensaxes de Nadal de Franco, que se anunciaban nestes informativos coa fórmula «... todas las emisoras españolas deberán conectar con Radio Nacional de España a las nueve de la noche para retransmitir el mensaje dirigido a todos los españoles por su excelencia el jefe del Estado», que todos sabiamos que era Francisco Franco Baamonde, enxalzado en grado superlativo co título de «generalísimo», que unhas veces aparecía con traxe e chapeu, e noutras ocasións con diferentes uniformes, o verde do exército de terra, o branco da mariña ou o azul mariño do Movemento. A película Espérame en el cielo, de Antonio Mercero, título tomado da canción de Antonio Machín, recolle moi ben o amplo armario que tiña, e ao mesmo tempo fíxonos rir, como Luís García Berlanga coa Escopeta Nacional, dunha etapa do noso pasado recente.

memoria de lugo OS 50 ANOS DA VOZ DE GALICIA EN LUGO

As voces de Radio Lugo eran Amalita Paredes, Tonina Gay, Carlos Losada e Daniel Hortas

Radio Popular Lugo nace en 1967 con xente moi nova que fixo unha radio moi innovadora

A conexión con RNE era obrigatoria ás dúas e media e ás dez da noite para escoitar «o parte»

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Comentarios

A historia das emisoras de radio na cidade