«Se lles queres de verdade aos fregueses e os serves, es correspondido»

LUGO CIUDAD

Daniel Rodríguez explica que o sacerdocio mudou moito nos últimos anos.
Daniel Rodríguez explica que o sacerdocio mudou moito nos últimos anos. óscar cela< / span>

Pasou case 60 anos como sacerdote e dedicouse ao ensino e á pastoral rural

03 nov 2015 . Actualizado a las 11:03 h.

Daniel Rodríguez Rodríguez (O Burgo, Lugo, 1931), don Daniel, como o coñecen os seus fregueses, xubílase aos seus 84 anos, despois de pasar case sesenta como sacerdote, nos que tivo diversos cargos na Diocese, dedicouse ao ensino e tamén á pastoral rural en varias parroquias do Corgo (Anseán, Manán, Manán de Arriba e Sabarei). Xubílase, pero non polas ganas: «Déixoo porque xa non teño idade para andar polas estradas, se non seguiría. Estes días invádenme as añoranzas, sinto un baleiro tremendo porque antes chegaba o domingo e ía ás parroquias encontrarme cos fregueses e cos nenos, para os que sempre levaba caramelos», afirma. Por esa dedicación, ese traballo e ese agarimo co que sempre obsequiou aos seus fregueses, este domingo recibirá unha homenaxe. Será un xantar no Torre de Núñez.

-¿A que dedicará agora o seu tempo? ¿Axudaralle ao novo párroco?

-De momento vou descansar. Co novo párroco [Alberto Riádigos] estou en contacto. Trátase dunha persoa nova, moi ben formada e, como mozo que é, empeza con ímpeto.

-¿Que consello lle pode dar?

-Eu fun moitos anos delegado do Clero, e o que lle podo dicir é que se lle queres de verdade aos fregueses e os serves, es correspondido; ademais, iso é o que manda Xesús.

-¿Como foron os seus comezos no mundo do sacerdocio?

-Ordeneime en 1956 e empecei no Saviñao, en Seteventos, ao lado de Escairón, onde estiven sete anos e medio. Realmente, aínda que eu nacín en Lugo, crieime no Saviñao porque tiña un tío cura alí, e quérolles moito ás terras do Saviñao. En 1964 trasladeime a Lugo como catedrático do instituto Masculino, onde botaría 34 anos. Esta actividade compaxineina coa de profesor no Seminario a partir de 1967. Tamén ocupei diferentes cargos na Diocese, como delegado de Ensino ou do Clero. Pero despois pedín o traslado a unha parroquia rural e déronme Anseán e Manán, aínda que seguín compaxinando este traballo co anterior.

-¿Por que quixo ese cambio?

-En Lugo tiña outras oportunidades, pero a min gústame o mundo rural, a pastoral rural, e así foi como fun para O Corgo. Botei 39 anos como párroco de Anseán e Manán e 27 anos tamén con Sabarei e Manán de Arriba. Ademais, fun nomeado Prelado Doméstico do Papa, un título honorífico que, á parte de levar consigo un uniforme especial, como o dun bispo, implica que teño un tratamento de monseñor. Para min non significan gran cousa os títulos, pero as miñas parroquias poden presumir de que tiveron un párroco monseñor.

-¿Cambiou moito a profesión nestes últimos anos?

-Moito e por diversos motivos. Tivemos por medio un Concilio Vaticano II que supuxo unha gran transformación e marcou aos curas da miña xeración. Ten en conta que eu empecei dicindo a misa en latín e de costas ao pobo. Ademais, houbo un cambio socio-político enorme: eu nacín na República, formeime no franquismo e traballei na ditadura, na Transición e na democracia. A maiores, hoxe en día hai escaseza de sacerdotes e por iso hai máis carga de traballo. Eu ía todos os domingos ás catro parroquias que levaba, pero o meu sucesor ten doce parroquias, así que non o pode facer.

-¿Cal é o mellor recordo que leva do seu traballo?

-Traballei moi contento porque tiven unhas parroquias sinxelas e moi acolledoras. Ademais, en Anseán encontreime con moitas raíces culturais da zona, coa devoción do Santo Ánxel, que está moi estendida. Isto é algo moi curioso, pois veñen os devotos haxa festa ou non. De feito, a tradición do Santo Ánxel empeza xa no século XIV.

Daniel Rodríguez párroco de anseán, manán e sabarei (O COrgo) que se xubila