O campus festexa o Día da Ciencia en Galego cunha ruta, dúas charlas e un wikimaratón

LUGO CIUDAD

Os actos terán lugar entre os días 4 e 7

03 nov 2015 . Actualizado a las 11:43 h.

O campus de Lugo festexa o Día da Ciencia en Galego entre mañá e o sábado cunha ruta, dúas charlas e un wikimaratón, actividades todas elas variadas e abertas á cidadanía, organizadas polo colectivo universitario Proxéctate en Galego.

Os actos comezarán mañá mércores coa ruta xeolóxica «A historia que contan as pedras que pisas», un itinerario urbano guiado por Xabier Barros, do colectivo xeocultural Olho de Sapo. O roteiro partirá ás 16.30 horas desde o miradoiro do Parque Rosalía de Castro, para logo percorrer distintos espazos do recinto amurallado. Este itinerario, gratuíto e aberto a todo o público interesado na xeoloxía, os solos e os minerais, terá unha duración de pouco máis de dúas horas.

Ao seu remate, sobre as 19.30 horas, o auditorio da Casa do Saber será o escenario de dous relatorios sobre a dimensión científica e cidadá de Isidro Parga Pondal, o primeiro investigador galego que incorporou o galego á súa obra científica e tamén pioneiro na integración de mulleres nos seus grupos de investigación. «Isidro Parga Pondal e a súa comunidade» é o título do relatorio que ofrecerá a profesora e investigadora da USC Verónica Martínez Delgado. Pola súa banda, o doutor en Bioloxía e historiador científico Francisco J. Leonardo Docanto ofrecerá de seguido no mesmo escenario un relatorio co título «Isidro Parga Pondal, doutor en Ciencias».

O sábado día 7 rematarán as actividades coa segunda edición do wikimaratón, un certame tamén aberto á participación cidadá e de carácter gratuíto, que terá lugar de 10.30 a 19.30 horas, na aula Universia da Biblioteca Intercentros do campus. Os participantes traballarán, entre outras cuestións, na tradución ao galego das pautas de clasificación dos solos da FAO, ademais de dar continuidade a accións e liñas temáticas xa comezadas en edicións anteriores. O wikimaratón inclúe tamén un xantar de traballo e o relatorio «Xogando coa mente marabillosa de John Nash», a cargo de Julio González Díaz, investigador do departamento de Estatística e Investigación Operativa da USC.