O Mercado Quiroga Ballesteros énchese de teatro, pintura e poesía ata o día 31

La Voz

LUGO CIUDAD

O certame fotográfico «O ollo no Mercado» dirixido a persoas de todas idades abrirá hoxe, a partir das 10.30 horas

23 may 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

O certame fotográfico «O ollo no Mercado» dirixido a persoas de todas idades abrirá hoxe, a partir das 10.30 horas, a feira O Mercado da Arte, que se celebrará ata o 31 de maio no Mercado Municipal Quiroga Ballesteros. A cita, que foi presentada onte no Concello de Lugo e que coordinará Luz Darriba en colaboración coa Asociación Monumental Mercado Municipal, pretende potenciar a arte, a cultura e a actividade creativa nun entorno que está revivindo nos últimos anos. Reunirá a 39 artistas de diferentes especialidades como a fotografía, a pintura, a escultura e que realizarán obradoiros de pintura, gravado, poesía, máscaras e concursos de fotografía sobre o mercado, ademais de participar en mesas redondas, performances, teatro, música ou danza.

A programación comezará hoxe co Día da fotografía. Os últimos días amosaranse todas as fotos e o público e o xurado elixiran as imaxes gañadoras, que levarán como premio produtos do mercado e promoción da súa obra. Ademais tamén haberá unha conferencia sobre estética fotográfica a cargo de Peter Schneider.

O luns 25 será o día dedicado á danza, que se inaugurará cunha performance de Ánxela Pardo, e un obradoiro de gravado con Isabel Somoza, Xermán Refojo e Honorio. O martes 26 haberá unha mesa redonda titulada «A arte e a crise» ás 19.30 horas, mentres que o mércores 27 haberá outra performance e un obradoiro de máscaras con materiais reciclados desde as 16 horas. O gravado protagonizará o xoves 28, con talleres a cargo de Luisa Paz Montenegro desde as 11 horas, e a actuación do grupo A volta do agro. O venres 29 a xornada centrarase na pintura cun obradoiro con Juan Pablo Mastroianni, mentres que o sábado 30 o día versará sobre a poesía e o domingo 31 sobre a música. Participarán artistas como Dulce Ancas, Maribel Aguilar, Lomarti, Noemí López, Quique Muruais, Federico Lojo, Otero Regal, Helena Villar Janeiro ou Paco Pestana.