Destacados lucenses vólcanse con Anade

La Voz

LUGO CIUDAD

Houbo unha lectura pública das narracións premiadas pola fundación

14 may 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

A Feira do Libro prosegue no Fondo da Praza Maior, onte noutro día caloroso, e con citas e presentacións de libros. Onte viviuse un momento entrañable coa lectura dos contos escritos por persoas con discapacidade e que foron recollidos nun libro editado pola Fundación Anade. A sus responsable en Lugo, Ángeles Fernández Mayra, agradeceu o esforzo de moitas persoas que apoian a Anade e pediu que se siga apoiando a este colectivo que busca a integración cultural das persoas con discapacidade. Participaron na lectura os candidatos José López Orozco, Jaime Castiñeira e Rubén Arroxo (o único político que agardou todo o acto), os xornalistas Suso Varela e José de Cora, o maxistrado Edgar Fernández Clos, o adestrador Quique Setién e o escritor Darío Xohán Cabana, entre outras persoas.

Ao rematar o acto, Xerais presentou unha fotobiografía sobre Otero Pedrayo.

A feira continúa hoxe con máis actividades. Ás sete da tarde, o escritor e urólogo Francisco Javier Neira Pampín reunirase cos membros do clube de lectura da Biblioteca Nodal para falar do seu libro El Quijote de madera. Pampín xa prepara unha segunda novela. Tamén ás sete, Áurea López Lamela asina na caseta da librería Trama e Xosé Ramón Freixeiro Mato e o grupo de investigación da USC presenta un libro sobre a poesía oculta de Filgueira Valverde. Logo, ás oito, haberá un recital de poesía e o escritor lucense Xosé Estévez presentará o seu libro Xoel, publicado por Redelibros. O propio Estévez presenta con Eva Xanín o recital de poesía.