Badius: A consolidación e a implicación no mundo cultural

ricardo vigueret gil

LUGO CIUDAD

Coa exitosa obra Cargar co morto a compañía abriu unha nova etapa.
Coa exitosa obra Cargar co morto a compañía abriu unha nova etapa. j. m. casal< / span>

Festivais, premios e estreas marcaron o segundo decenio de vida da agrupación

06 ene 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Continuando coa historia de Badius, en 1994 a compañía teatral nacida en Baio un decenio antes acode a varias mostras de teatro como as de Luou-Teo, A Baña e Ferrol. A obra que representan ese ano é O avarento e recupera ademais con motivo do seu décimo aniversario a súa primeira obra longa, O menciñeiro á forza.

No 1995 celebra esa onomástica co Festival X Aniversario no que ofrece unha antoloxía de fragmentos das mellores obras, unha exposición fotográfica e outros actos diversos. Tamén se organiza, xunto coa asociación cultural Adro? a Lembranza de Labarta Pose, con motivo do 70.º cabodano da súa morte, representando varias obras curtas preparadas a partir de contos deste escritor baiés (O segredo do tío Sanfona e O tío Miseria). A finais dese ano estrea Cargar co morto, de Alfonso Paso, quizais a obra de máis grande éxito do grupo ata o de entón.

En 1996 créase unha nova sección xuvenil con alumnos do instituto Maximino Romero Lema de Baio. Particípase no certame de Teatro Xuventude 96 de Lugo, organizado pola Consellería de Xuventude e no que Badius acada o terceiro premio coa obra Cargar co morto. Tamén edita xunto a Adro a revista cultural A Fiestra. E para rematar o ano toma parte no primeiro Encontro de Teatro da Costa da Morte, que con outros grupos da bisbarra se celebra en Camariñas no mes de decembro de 1996.

No 97 estrea Eu non fun, tamén de Alfonso Paso, obra continuísta na liña de Cargar co morto e que serve de ponte ata o 98 mentres se prepara ¡Xoo... ante o perigo!, texto elaborado polo propio grupo sobre a película Só ante o perigo e que será estreado no Pavillón Cultural da Costa da Morte, que se celebra en Cabana no mes de setembro organizado pola asociación Neria. Esta obra -unha das que o grupo se sente máis satisfeito- será representada ao longo de 1999 e con ela acudira ao primeiro Concurso de Teatro Afeccionado de Gondomar, no que Badius consegue o terceiro premio á mellor obra e dous accésits (mellor escenificación e mellor son). Tamén neste ano 99 colabora nos actos do 25.º aniversario do colexio Labarta Pose e celebrase o 15.º aniversario do propio grupo con actos que inclúen unha mostra de teatro afeccionado e profesional cos grupos como Mofa e Befa, Talía, Teatro do Improvisto, Amistad e Badius, ademais dunha mostra de teatro infantil con formacións de Cabana, Nantón, O Couto e Baio, e unha exposición de fotos e recordos do grupo ao longo deses 15 anos.

Implicación cultural

No ano 2000 estrease Unha de Romanos, sobre un texto de Manuel Núñez Singala. Colabora tamén coa comisión Labarta Pose para que se lle dedique a este escritor baiés as Letras Galegas e participa nos actos conmemorativos do 20.º aniversario da asociación cultural Adro. Nos anos 2001 e 2002 prosegue coas representación de Unha de Romanos.

No ano 2003 prepara unha nova obra, que se titula Tócama, Sam. Está baseada no guión de Casablanca e é a peculiar visión que o grupo ten deste mítico filme, pero visto dende a óptica do humor. Foi estreada en Vimianzo no mes de novembro e logo sería representada nas localidades de Ponteceso (Mostra de Teatro), Zas e Baio.

No 2004 liquídase a asociación xuvenil Badius para dar paso á asociación cultural teatral Badius. A finais dese ano cúmprese o vixésimo aniversario do grupo que é celebrado cunha mostra de teatro afeccionado e profesional como xa é tradición na entidade cando toca conmemorar unha efeméride. Póñense en escena obras de Falcatruada, Títeres Cachirulo, Candelexas e Badius. Tamén se organiza unha cea para celebrar dito aniversario e nela actúa o dúo humorístico Chapapote.

historia de badius (II): 1994-2004