A Costa da Morte está no grupo de cabeza do emprego do galego

Santiago Garrido Rial
s. g. rial CARBALLO / LA VOZ

LUGO CIUDAD

Nos últimos cinco anos perdeu o liderato, según un estudio do IGE

11 dic 2014 . Actualizado a las 05:00 h.

A Costa da Morte está no grupo de cabeza das distintas variables (ás veces, cada vez menos, primeiro; outras, segundo; nalgunhas, terceiro) do uso do galego, segundo os resultados da enquisa que acaba de dar a coñecer o Instituto Galego de Estatística sobre o coñecemento e uso da lingua, con datos do ano pasado. Unha posición privilexiada que ocupa no máis alto das 20 comarcas galegas nas que se dividen os datos, e que permite comparar tamén as porcentaxes cinco anos antes, no 2008. Unha opción que reflicte que, malia ao elevado emprego do idioma, vai a menos, aínda que a gran distancia doutras bisbarras, particularmente as das grandes cidades ou próximas, onte a caída é máis acusada. Tan a menos que, se ata o 2008 a Costa da Morte estaba no primeiro posto en case todas as variables, agora ten que competir pola prata ou polo bronce en case todas.

A enquisa, que tamén ofrece as cantidades de falantes en cada caso, ofrece multitude de variables: dende algunhas tan evidentes como cal é a lingua na que se fala habitualmente, o coñecemento ou o grao de entendemento dela, ata os fogares nos que os seus membros falan habitualmente galego, as diferenzas entre entendelo ou escribilo, ou o idioma no que se comunicaban con cada un dos pais e avós de pequenos, entre outras moitas.

En canto ás persoas segundo a lingua na que falan habitualmente, a Costa da Morte (64,27 % de habitantes) ocupa o segundo posto, tras a Coruña suroriental (68 %, zona de Santiso, Melide...). Cifras (sempre en resposta a «en galego sempre») que duplican a media galega, e que nalgúns casos quintuplican outras. Por exemplo, na área de Vigo é de apenas un 12,6 %, a máis baixa da Comunidade. Con todo, chama a atención que a segunda posición na Costa de Morte era a primeira ata hai cinco anos, cando estaba nun 71,95 % dos veciños: máis de sete puntos á baixa de caída.

Pero unha cousa é falar sempre e outra, saber falalo. Obviamente, as ratios son moito máis altas neste caso. A comarca ocupa o terceiro posto, pero de novo ata hai polo menos cinco anos estaba xusto un posto máis arriba: a porcentaxe actual é do 96,7 % dos veciños, do 97,7. Lugo oriental é o que lidera a clasificación.

Outras das preguntas refírese ao grao de entendemento do galego falado. Neste caso, o posto que ocupa é o segundo, tamén tras Lugo Oriental: un 99,72 % dos habitantes fronte a un 99,19 %. Ningunha comarca galega baixa do 92 %. A Costa da Morte perdeu unha décima nun lustro.

Noutras variables, a bisbarra está tamén no terceiro posto, tras o leste de Lugo. Por exemplo, no número de persoas que falaban en galego cos pais cando eran nenos: nun 89,08 % din que así foi. É máis do dobre, por exemplo, ca na área de Vigo. E aquí pasa o mesmo ca noutras variables: ata hai cinco anos era a primeira de Galicia, cun 94 %. Estase perdendo este hábito a unha media dun punto por ano. Cos avós ocorre o mesmo: ata o 2008 a Costa da Morte lideraba o ránking galego, cun inalcanzable 96 % largo. Xa non: quedouse no 91 % e agora está cuarta.

Sobre o idioma no que se desenvolven mellor para falar, un 61,4 % di que en galego, terceiro lugar das vinte comarcas. E a situación repítese: ata o estudo do 2008 ocupaba a primeira posición