De pequeno, pasando un verán nas montañas de Cervantes, vimos no monte o rastro do xabaril. O noso amigo José Manuel aprendeunos a distinguir esa pegada da que deixa o corzo, que tamén ten catro pezuños, pero que os ten aliñados e marca os catro. O xabaril, en cambio, non marca ben os dous anteriores, que ademais forman un ángulo --creo que era así. Logo, na casa grande de Castelo de Frades, José Manuel mostrounos como un tesouro unha lanza das que empregaban antigamente os paisanos para cazar xabarís, antes da xeneralización das escopetas con cartuxos de postas. Aquel era un chuzo famoso. Aparece no Viaje por los montes y chimeneas de Galicia de Cunqueiro e Castroviejo, onde se relata a fazaña de Manuel Cedrón, o bisavó de José Manuel, que, usando esa lanza en combate singular contra un xabaril xigantesco, acabou agarrado a el polas orellas nun corpo a corpo dramático. Foi aquel tirón de orellas, seguramente, o último torneo á antiga usanza entre o galego e un dos seus animais totémicos.
Non era este, evidentemente, un método que puidese empregar o concello do Grove esta semana cando intentaba capturar o misterioso xabaril, de nome popular Abelardo, que andou solto polo campo de golf da Toxa. Polo visto non é o mesmo exemplar que o que se deu unha volta polo paseo marítimo de Cambados. E se a estes dous sumamos o que foi avistado recentemente na avenida de Madrid en Lugo parado nun semáforo, máis que ante un suceso parece que estariamos ante unha tendencia. Noutros tempos falaríase xa dalgún tipo de profecía apocalíptica. Agora téndese máis ben a criticar as autoridades locais por non os dar collido, cando cabe dicir no seu descargo que a captura dun xabaril non é empresa fácil -despois de todo, foi un dos Doce Traballos de Hércules e el case non o logra.
O que me parece ben escollido é o nome de Abelardo. Nada máis axeitado para este animal que o nome dun filósofo escolástico, porque o xabaril é ante todo un dilema. Por unha parte, os bestiarios medievais atribuíanlle seis dos sete pecados capitais e considerábano unha posible encarnación do demo -o que non quitaba para o comesen con adobo de menta. E por outra parte, o xabaril fascina, notoriamente en Galicia. Os que, a falta de maior precisión, chamaremos celtas tíñano como fetiche. Na heráldica galega aparece en cor sable (negro) en vez das aguias e leóns -pódese ver como exvoto en pedra, a carón do sepulcro de Fernán Pérez de Andrade nos franciscanos de Betanzos. Mesmo renaceu logo como animal totémico dos nenos galegos de finais de século -en Galicia hai máis xente con carné do Xabarín Club que do Partido Popular, que xa é dicir.
Eu teño a miña teoría sobre a nosa relación ambivalente co porco bravo, e é esta: penso que todo é unha cuestión de equilibro de contrarios no que o xabaril é a contrafigura filosófica do cocho. O cocho é a encarnación do Ben, a representación do mundo civilizado e perfumado co aroma do touciño. O xabaril é o seu necesario negativo, o lado salvaxe do espírito porcino que se dedica a ir destruíndo as agras posuído dunha furia sen límites. Cocho e xabaril son, por así dicir, o noso doutor Jekyll e Mr. Hyde, a intuición de que a natureza está feita a base de opostos, e de que o cocho que foza dócil no cubo de lavadura esperando o 11 de novembro ten un espírito xemelgo no monte que á luz da lúa afía nos troncos das árbores o cairo, curvo como unha cimitarra, disposto a vingar os trece mil San Martiños que se levan celebrado desde que os seus irmáns aceptaron ser domesticados.