Roberto Vilar será o encargado de dar o pregón nas festas do Nazareno

b. oujo / J.?R. Ribeira / la voz< / span>

LUGO CIUDAD

29 ago 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

As festas na honra do Nazareno, unhas das máis importantes da comarca, están a volta da esquina. O 19 de setembro comezarán as celebracións coa lectura do pregón. O acto terá lugar as 21.00 horas no balcón do Concello. Este ano, o elixido é o cómico Roberto Vilar. Esta personaxe televisiva é unha das caras máis coñecidas da televisión pública galega. A súa primeira aparición na pequena pantalla foi no programa Con perdón, na década dos 90. Outra produción na que participou nestas datas foi a serie Pequeno hotel.

O seu gran primeiro éxito chegaríalle no máis veterano programa da canle autonómica, Luar. Aquí interpretaba, xunto con Víctor Fábregas, ao dúo coñecido como Os Tonechos. O papel encarnado por Roberto Vilar destacaba por ser un lacazán e pola súa indumentaria, vestindo sempre de pixama e gorra. O intérprete, que é natural de Lugo, e o seu compañeiro acadaron tanta fama que chegaron a ter o seu propio programa, O show dos Tonechos, que logrou manterse durante tres anos na grella televisiva con bos datos de audiencia.

De novo no máis alto

Tras o fin de Os Tonechos, o cómico retomou a súa carreira en solitario. No ano 2009 botou a andar a produción Land Rober, que permanecería en antena ata o 2011. Grazas ao seu bo traballo neste espazo foi galardoado co premio Mestre Mateo ao mellor comunicador da pequena pantalla. Roberto Vilar abandonou a TVG para dirixir o concurso Salta a la vista, na cadea nacional Cuatro. O ano pasado volveu a Galicia para presentar Entre familias anda o xogo. Este extensa traxectoria coa que conta o lucense é unha garantía do seu bo facer. Coa súa presenza como pregoeiro nas Festas do Nazareno as risas estarán aseguradas para todo o público que se achegue.