As viaxes de ida e volta entre galegos e arxentinos chegan a San Marcos

A Rede Museística abrirá hoxe unha mostra con testemuños e materiais únicos


lugo / la voz

Milleiros de galegos e de arxentinos teñen cruzado o Atlántico na busca dun futuro mellor lonxe da súa terra. Aínda que algúns retornaron e outros non, as súas viaxes e as súas historias merecen ser postas en valor, conservadas e coñecidas pola xente. Ese é o xermolo da exposición que será inaugurada esta tarde, ás 20.00 horas, na sala de exposicións do Pazo de San Marcos da man da Rede Museística Provincial e as asociacións Rioplatenses en Lugo e Tango Club Galicia, por medio do proxecto de museoloxía social «Culturas en Diálogo: Lugo-Arxentina». Parte dos datos e dos materiais que a compoñen foron cedidos polo Museo Nacional de la Inmigración e polo Museo de la Emigración Gallega, situados en Bos Aires. Deste xeito, o espectador poderá coñecer, por exemplo, como era a vida dos galegos ao chegar á Arxentina, cando eran trasladados ao Hotel de Inmigrantes, que entre 1911 e 1920 aloxou a 479.126 estranxeiros. Tamén se exhibirá unha obra artística concibida entre a artista arxentina Julia Romana e o artista lucense Iago Eireos. Testemuños de mulleres que emigraron desde unha e a outra beira do océano afondarán no plano humano da iniciativa, que busca «fomentar a creación multidisciplinar e a participación social de todos os colectivos da comunidade», como destaca a xerente da rede, Encarna Lago.

Un pasaporte para os asistentes

Imaxes históricas, maletas e «pareados» entre o tango e a Muralla, ou o café e o mate, completan «esta estación» do proxecto que culminará o 18 de decembro coa celebración do Día do Migrante. Os asistentes á inauguración desta tarde recibirán un pasaporte da Rede Museística.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
6 votos

As viaxes de ida e volta entre galegos e arxentinos chegan a San Marcos