Jorge Mira recibiu o premio Peña Novo no castelo de Soutomaior

carballo / la voz

LUGO CIUDAD

El secretario xeral de Política Lingüística impone la medalla a Jorge Mira.
El secretario xeral de Política Lingüística impone la medalla a Jorge Mira. PÍO GARCÍA

O físico obtivo o galardón polo uso do galego na docencia e na investigación

28 jun 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

O físico baiés Jorge Mira recibiu o xoves pola noite no castelo de Soutomaior (o de Pedro Madruga), en Pontevedra, un dos premios Lois Peña Novo que concede a fundación do mesmo nome, a xeito de recoñecer «os esforzos a prol da lingua galega de persoas ou entidades relacionadas coas Administracións públicas». Os outros dous galardoados, nunha cerimonia solemne e emotiva, foron Dalila Dopazo Blanco, maxistrada do xulgado do social número 3 de Lugo e especialista en dereito civil galego, e o Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia.

O encargado de entregar os galardóns foi Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística. Sobre Jorge Mira sinalou: «No desenvolvemento do seu traballo profesional no ámbito da docencia e da investigación universitarias mantén desde hai moitos anos unha actitude de compromiso coa sociedade e a lingua galegas, e comparte os seus múltiples saberes coa intención de construír unha sociedade máis culta, informada e libre. Realiza -engadiu- este loable labor valéndose dunha lingua que, estando tradicionalmente afastada dos ámbitos máis dinámicos da sociedade da información e do coñecemento».

Pola súa banda, o homenaxeado dixo, nun fragmento do seu longo discurso (cheo de datos, percepcións persoais, valoracións e experiencias profesionais e sobre todo televisivas), interrompido ata catro veces polos aplausos, o seguinte: «Como dicía Cunqueiro, debemos querer que a fala galega dure e continúe, porque a duración da fala é a única posibilidade de que nós duremos como pobo. Todos -engadiu- queremos que ao lado da patria que son a terra e os mortos, haxa estoutra patria que é a fala nosa».

E rematou: «Aínda que non cheguemos ao nivel de Cunqueiro, sempre podemos aspirar a seguilo cada un dentro das súas posibilidades, de xeito que, se de nós algún día, despois de mortos, se quixese facer un eloxio, e estivésemos dando herba na nosa terra, podería dicir a nosa lápida: ?Eiquí xaz alguén que co seu falar fixo que Galicia durase mil primaveras máis?».

Entre o público que o escoitaban a el e aos outros dous gañadores nos xardíns do castelo estaban o reitor da Universidade de Santiago, Juan Viaño; o fiscal superior de Galicia, Carlos Varela; o alcalde de Soutomaior, Agustín Reguera; o secretario de Real Academia Galega, Henrique Monteagudo, e o presidente da Fundación Lois Peña Novo, Xosé González.