Felicidades Indalecio

XESÚS DO BREOGÁN

LUGO CIUDAD

16 may 2014 . Actualizado a las 15:59 h.

O17 de maio, Día das Letras Galegas, Indalecio Fernández Barreira cumprirá 65 anos, iso quere dicir, que xa chegou a quenda da súa xubilación. Indalecio naceu en San Mamede de As Oiras (Alfoz), o 17 de maio de 1949. Fórmase como camareiro en Barcelona onde pasou varios anos. En 1970 marcha para Arxentina ao coñecer á que sería máis tarde a súa muller, nunha viaxe de vacacións que esta fixo con seus pais ás Oiras, localidade onde tamén naceron os seus ancestros. En Arxentina traballa como panadeiro no obradoiro de seus sogros, e alí aprende a facer o churrasco e unha salsa especial que lle daba un sabor moi particular ás carnes. Alí nace o seu fillo Carlos.

En 1978 retornan a Galicia, e xunto co seu irmán Paco montan en Foz o bar As Oiras na rúa Paco Maañón, pero Indalecio e a súa dona Toñita, intentan ter negocio propio e vanse para Xixón onde montan o bar El Pote no ano 1979. Pero despois de coñecer Foz, Indalecio recoñece que esta vila ten que ser para sempre a súa casa. Regresa a Foz e monta o bar O Pote en 1980 na rúa Eduardo Pondal. Por circunstancias da vida, deixan o restaurante O Pote e marchan en 1986 a A Coruña e montan unha panadería en Cambre, pero Indalecio sempre con Foz metido na cabeza, a morriña invádeo de novo e regresa á nosa vila e monta o bar ? restaurante As Brasas na rúa Illa Nova en 1987.

Como levado por un instinto estraño, monta un novo bar, neste caso en Lugo, As Brasas de Foz, pero como digo, a morriña faille volver a Foz e aínda que agora tamén montou un novo restaurante El Rincón Gallego, en Torrevieja, Indalecio quere estar sempre onde debe e con quen el coñece pola ?súa xente? as xentes de Foz. Indalecio ve este 17 de maio, como unha data distinta, pois significará o descanso para a súa vida despois de tantos anos de traballo, vida á que lle desexo moi longa porque sempre foi un amigo especial para todos, profesional que sempre antepuxo ós clientes e amigos ante a caixa rexistradora do seus negocios, persoa boa e desinteresada e de aí o seu éxito como profesional e amigo.