«A arqueoloxía parece un eido complicado, pero non é así»

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

LUGO CIUDAD

monica ferreiros

Amosa en Boiro imaxes sobre a Gallaecia romana

04 mar 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

O boirense José Antonio Chaves fusionou as súas grandes paixóns, a arqueoloxía e a fotografía, na colección de instantáneas que amosa estes días na casa de cultura da Cachada. Trátase dunha mostra feita en colaboración con Santi Dieste, que serviu de complemento ao Encontro Arqueolóxico do Barbanza.

-¿Como se xestou a montaxe desta exposición?

-A idea partiu da Asociación de Amigos do Centro Arqueolóxico do Barbanza que, como ven facendo desde hai uns anos, colabora co Encontro montando unha exposición. Do que se trata é de darlle un pouco de cor ás xornadas.

-¿Que temática elixiron para esta edición das xornadas?

-Este ano decidímonos pola Gallaecia romana. O que fixemos foi fotografar restos arqueolóxicos sobre a presenza de Roma en Gallaecia, é dicir, Galicia e Astorga. Fixemos unha selección de 35 imaxes.

-¿Eran imaxes que tiñan en arquivo ou que fixeron para a ocasión?

-As fotos foron feitas para esta exposición ao longo dos últimos meses. De feito, este proxecto levounos a percorrer distintos puntos de Galicia, desde Bande e Lobios en Ourense, a cidade de Lugo ou Boimorto e Cambre na Coruña. Estivemos tamén en Astorga.

-¿Que destacaría desta exposición?

-Penso que o que máis chama a atención é o ninfeo de Santa Eulalia de Bóveda, dedicado ao culto á auga. Ademais, este ano cúmprense cen anos do seu descubrimento. Conserva unha pinturas murais moi ricas e coloristas, datadas do século III.

-¿Por que se decantaron por esta temática?

-Con anterioridade xa fixeramos exposicións relacionadas coas escavacións que se levaron a cabo en Neixón e tamén sobre o patrimonio histórico da comarca. Nesta ocasión, decidimos aventurarnos na temática romana.

-O seu arquivo fotográfico será inmenso...

-Si, entre Santi Dieste e eu temos un arquivo moi interesante. Non me atrevo a dicir un número, pero son miles de fotos.

-¿De onde lle ven esta afección pola fotografía e pola arqueoloxía?

-Sempre sentín interese pola historia. Foi algo que estivo latente en min e, hai uns seis anos, explosionou nun curso sobre arqueoloxía. Daquela, entrei en contacto co museo de Neixón e, a partir de aí, empecei a colaborar coa asociación de amigos deste centro.

-Coñécese pouco do traballo desta asociación, ¿a que cre que é debido?

-O traballo é coñecido en círculos reducidos, ao igual que todo o que está relacionado co mundo da historia. A arqueoloxía parece un eido complicado, pero non é así, trátase dun tema de interese xeral. Queda demostrado, cada ano, no Encontro Arqueolóxico do Barbanza que, lonxe de ser un foro para especialistas na materia, son xornadas divulgativas que espertan gran expectación.