«Esta obra débese a unha elite letrada e cunha boa base teolóxica»

La Voz

LUGO CIUDAD

07 dic 2013 . Actualizado a las 14:46 h.

A autora do estudo, Carolina Casal, é licenciada e doutoranda en historia da arte. Entre os seus principais intereses como investigadora está o aniconismo, é dicir, o estudo das manifestacións artísticas que non utilizan representacións recoñecibles de figuras humanas ou animais para transmitir mensaxes, preferindo recorrer a motivos de tipo xeométrico.

-¿Como chegou a descubrir o valor desta peza?

-Examinándoa ben por todas partes, para o que é preciso agacharse e observar tamén con moito coidado a parte de abaixo. Só así pode apreciarse ben o conxunto e comprender todo o seu contido. Os relevos da pía divídense en tres zonas ou rexistros diferentes, cada un dos cales está relacionado cos outros e reforza o seu significado. Para interpretar a inscrición foi de moita axuda unha observación de César de Carnero, o delegado de patrimonio histórico da diócese, que me comentou que unha suposta letra zeta podía ser en realidade un erre invertido. Iso levoume a entender mellor o seu significado. As pouquísimas referencias que hai sobre esta peza, como o catálogo da exposición Gallaecia Petrea, din que estas inscricións carecen de sentido, que son un simple motivo decorativo sen un significado concreto. Pero non é así. Se estudamos detidamente a decoración da peza, vemos que transmite unhas mensaxes claras e coherentes coas concepcións teolóxicas desa época.

-¿O feito de trasladar a peza a esa exposición axudou a apreciar o seu valor?

-Si, porque se non a levasen a esa exposición eu non tería feito este estudo nin chegaría a entender ben a súa singularidade. Hai que agradecerllo á parroquia de Torbeo e ao párroco Manuel Areán, e tamén á diócese de Lugo, porque todos colaboraron para que pía puidese ser levada á exposición.

-¿Quen puido encargar unha obra como esta?

-Eu creo que en Torbeo había nesa época unha elite letrada, vinculada ao antigo mosteiro, cun coñecemento moi notable da teoloxía e da simboloxía cristiá. Aínda que a feitura da inscrición e dos relevos é un tanto rústica, está claro que esta obra foi feita por encargo de alguén que tiña unha boa base teolóxica. Penso que podemos considerar ese núcleo como algo único, porque outras obras similares desa época que se conservan noutras partes de Galicia non mostran un nivel de coñecemento tan alto. O de Torbeo foi sen dúbida un mosteiro importante e tamén un notable centro de pensamento.