A empresa lucense Galileo Nenos, posta en marcha polo enxeñeiro e xogueteiro italiano afincado en Lugo Guido Leboroni, sacará ao mercado o vindeiro Nadal o primeiro xoguete do Xabarín Club, o coñecido personaxe infantil da Televisión de Galicia. O entretemento chámase «Escola de escritura con Xabarín», e está deseñado para nenos de tres a seis anos. «Trátase dun xogo libre e creativo para que o neno aprenda a ler e a escribir con moitas e divertidas actividades guiadas polo Xabarín», subliña o emprendedor, cuxo proxecto conta tamén coa colaboración da Real Academia Galega (RAG), que supervisou todos os textos.
A caixa inclué catro encerados plastificados nos que o neno pode debuxar e escribir en letras maiúsculas e minúsculas, ademais de borrar, as propostas dos diferentes enredos didáctivos que acompañan o xoguete. «Tamén leva un maxipuzzle de 50 por 70 centímetros de pezas grandes con catro escenas típicas, como unha praia, unha granxa ou unha cidade, para que os nenos coñezan palabras como ?ovo?, ?palleiro?, ?vaca?...», indica Leboroni, que neste novo proxecto ten o apoio da TVG. Hai agora un ano que veu a luz o primeiro xoguete de Galileo Nenos, «A cidade do cenorio», un enredo para que os máis novos aprendesen a un tempo palabras en galego e en inglés. Con motivo do día das Letras Galegas creou e puxo á venda o segundo divertimento, «O quebracabezas de Galicia».