«Vivimos nun sitio privilexiado, pero non nos damos conta»

Carlos Cortés
carlos cortés MONFORTE / LA VOZ

LUGO CIUDAD

ROI FERNANDEZ

Este comerciante merca setas e véndeas na praza de abastos de Monforte

05 nov 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Carlos Pérez abriu no mes de abril un posto na praza de abastos de Monforte. Vende hortalizas que el mesmo cultiva nun invernadeiro en Bóveda e froita que merca fundamentalmente a produtores cataláns. Pero no outono o seu produto estrela son os cogumelos. Á falta de canles profesionais de recollida, decidiu poñer carteis en diferentes establecementos comerciais anunciando que merca todos os exemplares en bon estado que lle leven. Enxeñeiro forestal de formación, asegura que no monte hai unha riqueza que aínda non acabamos de descubrir. Xa estaba convencido antes, pero dende que abriu a tenda estao moito mais.

-¿Hai mercado para vender setas ao detalle, nunha tenda

-Hai. As setas véndense moi ben.

-¿Cales son as que máis lle ofrecen para vender?

-A xente tráeme sobre todo boletus. E é curioso, porque o que máis me piden os clientes é a cerrota, pero esa téñoa que pedir expresamente, que se non non mas traen. Téñolles que recordar que vivimos en Galicia e que aquí a xente come cerrotas [risas]. Dá a sensación de que se pensa que única que se merca e se vende é a boletus, cando hai moitas mais.

-¿Que variedades son as que mellor paga?

-Os prezos dependen do tipo de cogumelo, pero tamén do momento da tempada. Por exemplo, ao comezo do outono había poucos boletus, así que os pagaba máis caros. Pero en xeral, a que estou pagando máis cara é o níscalo. Tamén é das máis difíciles de atopar, porque está agochado debaixo das acículas dos pinos. En calquera caso, teñen que ser exemplares en bon estado, non excesivamente maduros.

-Vostede puxo letreiros para anunciar que merca setas. ¿Non hai canles de distribución organizados e profesionais?

-A verdade é que tamén recurrín aos letreiros para entrar en contacto con xente que coñeza as setas e a súa produción. Nesta comarca hai moi pouco coñecemento sobre fungos e máis aínda sobre as posibilidades económicas que teñen. Por exemplo, nun municipio da montaña de Lugo hai un pinar de oitocentas hectáreas que si se traballa para boletus. Hai un señor que pasa todas as tardes cun camión a comprar o que se foi recollendo no día. A xente nin se imaxina a de cartos que dá ese pinar. Cada un dos que recollen poden sacar entre oitenta e cen euros diarios.

-¿A crise non está facendo mudar ese desinterese?

-Si, pero aínda estamos empezando a abrir os ollos. Vivimos nun sitio privilexiado, no que a madeira medra tres ou catro veces máis rápido que en calquera outro sitio da Península, pero non temos o monte coidado. Non nos damos conta do seu valor económico. Un monte micorrizado con fungos pode dar tanto beneficio económico en catro anos como a madeira en corenta. E logo pasan cousas como que hai pouco, nuns días de moitísima produción de boletus, unha empresa tivo que tirar moitos quilos no monte porque frescos non os daba vendido e aquí non hai empresas que procesen tanta seta para non tela que sacar ao mercado sempre en fresco. Os poucos que fan secado, por exemplo, fano a moi pequena escala.