A RAG rescata os estudos de toponimia de Nicandro Ares

Luís Pousa Rodríguez
luís pousa REDACCIÓN / LA VOZ

LUGO CIUDAD

Xesús Alonso Montero saúda a Ramón Lorenzo no salón de actos da Academia Galega.
Xesús Alonso Montero saúda a Ramón Lorenzo no salón de actos da Academia Galega. césar quian

A obra, editada pola Academia en dous volumes, reúne 178 textos publicados polo erudito lucense entre 1964 e o 2011

19 sep 2013 . Actualizado a las 12:04 h.

A toponimia non é unha disciplina antiga. Non se cultivou na Península ata finais do século XIX. Foi Cataluña a pioneira nuns estudos filolóxicos que agardarían ata os anos vinte e a erudición de Menéndez Pidal no caso do castelán. En Galicia o pioneiro foi Abelardo Moralejo, que en 1952 publicou o primeiro artigo sobre esta materia na que tería como discípulo logo ao seu fillo Juan José. Lembrouno onte, no salón de actos da Real Academia Galega, Antón Santamarina, na presentación do segundo volume dos estudos de toponimia de Nicandro Ares, que por motivos de saúde non puido asistir a un acto no que participaron tamén o presidente da RAG, Xesús Alonso Montero, e o académico Ramón Lorenzo, que subliñaron o labor «fundamental» desenvolvido polo pai Ares neste terreo.

Esta recopilación de textos foi editada por Santamarina, que reuniu 178 artigos publicados por Nicandro Ares en 15 cabeceiras diferentes (desde xornais ata boletíns e cadernos especializados) entre 1964 e o 2011, e nos que, segundo apuntou Santamarina, o autor combina a erudición cun «estilo agradable de ler e unha pinga de humor».

Os dous volumes recollen desde os primeiros traballos de Ares, centrados na arqueoloxía da súa Santa Eulalia de Bóveda natal, ata estudos etnográficos «nos que sempre hai unha pegada toponímica que elucidar», explicou Santamarina.