Benxamín Casal: «O proxecto máis grande que pode ter o país é a súa cultura»

Luís Pousa Rodríguez
luís pousa REDACCIÓN / LA VOZ

LUGO CIUDAD

«Temos moito que dicirlle ao mundo desde Galicia», reivindica Casal

25 jul 2013 . Actualizado a las 15:47 h.

O histórico galeguista Benxamín Casal (Lugo, 1935) leva trinta anos compartindo o proxecto colectivo que é Galaxia. O actual presidente do consello de administración da editorial fala con entusiasmo do labor histórico do selo, pero aínda con máis entusiasmo dos camiños que abren as novas tecnoloxías e a globalización dos mercados.

-O premio que leva o nome do fundador de La Voz e da Biblioteca Gallega será moi especial para Galaxia, ¿non?

-É moi prestixioso, si, estamos encantados. Naturalmente é moi especial para nós porque é unha referencia para toda a edición galega. Moitos de nós empezamos a ler sobre Galicia na Biblioteca Gallega.

-E tamén é significativo que sexa un premio da sociedade civil á propia sociedade civil, porque Galaxia naceu do país, non das institucións.

-Absolutamente. Nós resaltamos moito iso: a sociedade civil facéndose cargo dunha empresa, dun proxecto de país. Porque o proxecto máis grande que pode ter o país é a lingua e a cultura galegas.

-A editorial nacía precisamente un 25 de xullo en Compostela...

-Si, hai exactamente 63 anos, nos baixos do Hotel Compostela. O proxecto pretendía a normalización e dignificación da cultura e a lingua galega e a conexión coa modernidade e a contemporaneidade. E o que fixeron os fundadores o seguimos a considerar como vixente.

-Viu a luz en tempos escuros. ¿Como foron aqueles comezos?

-Para evitar problemas a Xaime Isla ocorréuselle crear Galaxia como unha sociedade mercantil e non como unha editorial. Pero desde o principio foi moito máis que unha simple editorial. O seu patrimonio actual co fondo histórico chega aos tres mil títulos e ten un catálogo vivo con mil referencias. Toda esa traxectoria nós a consideramos máis un activo de futuro porque consideramos que a lingua e a cultura galegas seguen vivas e son capaces de conectar coas novas xeracións e coas novas demandas.

-Neste medio século foise cara diante, ¿pero non cre que agora estamos retrocedendo na defensa do galego?

-Estase retrocedendo internamente no país. E coa globalización están entrando outras culturas no país, pois nós o que temos que facer e saír fóra coa nosa cultura e cremos que temos moito que dicirlle ao mundo desde Galicia e desde a nosa cultura.

-¿E como se concreta esa aposta?

-É un proxecto selectivo e de excelencia. É un selo que se vai chamar Mar Maior e así pretendemos atacar esta estratexia de globalización, enfrontarnos con ela e estar presentes no mundo adiante. Empezando por América e concretamente por Arxentina e Bos Aires. Pretendemos facelo arredor da primavera do 2014.

-¿En galego e castelán?

-A idea do proxecto Mar Maior é publicar en castelán, portugués e inglés. Actualmente os nosos autores van doutras mans aos mercados español, portugués ou inglés, e pretendemos que vaian directamente desde a cultura autóctona a eses mercados, esa é a estratexia, unha oportunidade de poñer o discurso galego noutros espazos lingüísticos e outros mercados, e tamén damos a posibilidade de que eses autores accedan a eses mercados desde as nosas estruturas. A estratexia é chegar á rede social dos galegos no mundo. A Galicia exterior é moito máis que unha rede social. Está fóra da Galicia territorial, pero se recoñece como galega. Non a podemos deixar fóra de nós.

-Nesa liña foron moi importantes as traducións de Galaxia ao galego de autores contemporáneos, como Sebald ou Auster, que mesmo puidemos ler en galego antes de que houbese versión en castelán.

-Eu creo que si. Murakami e Auster publicáronse antes en galego que en castelán. Forma parte desta mesma visión e filosofía. E agora imos nós a onde está o mercado orixinal de Murakami ou Paul Auster a presentar obras fundamentais da nosa cultura. Algunhas escritas por galegos en castelán e que foron practicamente ignoradas, como son obras de Blanco Amor e de Cunqueiro.

-¿Non habería que liberarse de complexos e reivindicar tamén a obra en castelán de grandes autores galegos?

-Claro, iso forma parte da nosa estratexia. Imos chegar a Arxentina cos Cuentos para las Américas, de Emilia Pardo Bazán, con El desterrado, de Julio Camba, cunha antoloxía bilingüe de Rosalía con prólogo de Ernesto Sabato, e coas crónicas periodísticas de Eduardo Blanco Amor en La Nación...

-Á miña xeración a normalización lingüística colleunos na EXB así que temos un libro de Galaxia moi presente: o «Dicionario» de Franco Grande...

-¡Aí aprendemos todos! O Dicionario foi un libro fundamental porque permitiu a moita xente que tiña reticencias lanzarse a escribir en galego. Era xente que tiña desexos de escribir en galego, pero medo de facelo mal. É un libro fundamental.

-E outro título de Galaxia que marcou aquela infancia foi «O Principiño», en versión de Carlos Casares.

-Tamén, claro, e foi moi importante porque abriu a liña do libro infantil e xuvenil. E, seguindo coas traducións, agora imos presentar o Ulises en galego.

-Ademais a primeira lingua á que se traduciu na Península Ibérica un fragmento do libro de Joyce foi o galego, da man de Otero Pedrayo.

-Si, don Ramón xa publicara unha tradución dunha parte na revista Nós, moito antes de que aparecesen versións en castelán, portugués, catalán ou vasco.