«A moda é ter un can de raza. O que sexa cariñoso é secundario»

A crise propicia unha merma nas consultas e nunha atención axeitada aos animais


lalín / la voz

maría josé taboada lousado veterinaria afincada en lalín

«Se as vacacións se aparcan este verán podería haber menos abandonos de cans»

O gusto que sentían os seus avós e os seus pais pola facenda e polos animais, e que lle foron transmitindo dende ben cativa, foron determinantes á hora de que María José Taboada Lousado (O Irixo, 1976) apostara por cursar a carreira de veterinaria.

-Xa antes de acabar o instituto tiña claro que ía ser veterinaria. E así foi. Fixen a carreira en Lugo, posteriormente estiven na universidade cun proxecto de investigación pero xa daquela había problemas de financiación e estaba por deixalo. Entón xurdíume unha oportunidade de vir a traballar a Lalín e eu que estaba na Banda de Música de Vilatuxe; onde tocaba a frauta, se me abriu o ceo.

-¿Como foron aqueles primeiros comezos?

-Difíciles. Tiña pouca experiencia e pouco traballo. Non era coñecida, tiña que compaxinar unhas cousas con outras e non me quedou outra máis ca deixar a banda. Non tiña tempo para ir aos ensaios. Posteriormente alá polo ano 2002 foi cando me puxen ao fronte da clínica Centro Veterinario Lalín, onde atendo pequenos animais, e aquí continúo.

-Como está o hábito respecto a levar a mascota ao veterinario, ¿mellor ou peor que cando comezou a exercer?

-Hábito de levar a mascota ao veterinario non hai, nin había. A cuestión é un tanto complicada. Hai moitos compañeiros veterinarios que traballan no rural, que van ás explotacións a mirar os animais, acoden ás cooperativas onde prestan os seus servizos e unha vez se desprazan a atender as vacas dos gandeiros aproveitan para botarlle unha ollada ao can, se é que está enfermo. Traer o animal ao centro veterinario é no último recurso. Fánno se non queda outra e se o can está en moi malas condicións de saúde. Certo é que os campañeiros que traballan no campo nos axudan moito nese eido e nos derivan os cans cando aprecian un determinado problema de saúde que require da nosa intervención. Non é fácil sensibilizar aos propietarios da que traian aos pequenos animais aquí e nos tempos que corren, e cos problemas económicos que hai, nin che conto como está o tema.

-Malia a todo á hora de adquirir un can, por exemplo, apóstase por un de raza...

-A moda continúa sendo a de ter un can de raza, o que sexa cariñoso é algo secundario. Que sexa un animal de compañía e que disfruten con el queda relegado a un segundo plano. A moda é a moda e os mestizos interésanlle a moi pouca xente.

-A súa vea altruista fai que colabore coa protectora de animais da vila e co seus moitos mestizos que teñen...

-A verdade é que as rapazas da Asociación Protectora de Animais Peludos sen Fogar de Lalín están a desenvolver unha labor moi importante. Partiron de cero, sin nada, e todo o que van conseguindo e grazas ao seu traballo e ás colaboracións que van conseguindo. Estou encantada de poder botarlles unha man e non son, nin moito menos, a única que o fai. Sei doutros compañeiros veterinariosque tamén axudan.

-Na protectora hai máis dunha vintena de animais pendentes de adopción, ¿mermarán os abandonos este verán?

-Non debería de haber nin un só abandono pero, por desgraza, é algo palpable e visible. Só hai que botarlle un vistazo ás canceiras e ás asociacións protectoras de animais. De todos os xeitos espero que disminúa o número de abandonos no verán xa que, a priori, o tema vacacional quedará aparcado para moitos -por mor da situación económica e das dificultades para poder collerse uns días de descanso- e iso pode favorecer o que os cans non se deixen tirados.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos

«A moda é ter un can de raza. O que sexa cariñoso é secundario»