«Somos bichos que funcionan moi ben ata os 45 anos»

Comprendemos a mecánica do cerebro, pero non como traballa en realidade


Dominamos o mundo. Viaxamos polo espazo... pero o noso cerebro é un universo que aínda está por conquistar. O neurofisiólogo e divulgador Xurxo Mariño Alfonso (Lugo, 1969) vén de publicar Neurociencia para Julia (Editorial Laetoli), unha viaxe marabillosa á nosa sala de máquinas.

-¿Canto sabemos do cerebro?

-Desde o punto de vista mecánico sabemos moitas cousas: as propiedades biofísicas das neuronas; as propiedades metabólicas das células; como se produce a electricidade... E sabemos que a partir da actividade das neuronas emerxe a mente consciente. A túa mente, a túa alma, é iso que tes dentro do cranio, funcionando. ¿E como é que, ao espertar pola mañá, volves ser ti?

-Imaxino un televisor en «stand by», que se acende e volven as canles todas...

-Cando dormes tes exactamente as mesmas neuronas. O que cambia é a súa actividade eléctrica, que é o que fai que emerxa a túa consciencia de que existes. Non temos a máis remota idea de como ocorre iso. O eu susténtase na memoria e a memoria susténtase na conexión entre neuronas. Se morren moitas neuronas, desaparecen as conexións, a memoria e o eu. A enfermidade de alzhéimer, por exemplo, a medida que vai avanzando dilúe a propia identidade persoal.

-Funcionamos a corrente, logo...

-A mesma corrente química que a das baterías dos móbiles. As nosas neuronas tamén acumulan ións. Iso sabémolo, pero non como se monta o crebacabezas. Dixo Ray Kurzweil hai moitos anos que seriamos quen de reproducir nun sistema artificial a mente consciente dun ser humano no 2050. Apóiase no extraordinario crecemento exponencial do coñecemento que temos. Eu creo que é aventurado facer predicións.

-¿Preocúpalle que un día o seu «eu» desapareza?

-Para nada. Teño unha visión epicúrea. Epicuro dicía que o ser humano non ten que preocuparse pola morte: cando está vivo, non está morto; e cando está morto non ten conciencia de que existe, así que tampouco ten que se preocupar. Se eu perdese toda a miña arquitectura neuronal, preocuparíame pola xente que me rodea, non por min.

-¿Conseguiremos prolongar a vida do cerebro?

-Non se sabe. Hai un paradoxo moi interesante. O alzhéimer e o párkinson son resultado do éxito da medicina: conseguimos prolongar a vida. Despois de 3.500 millóns de anos de evolución, somos uns bichos que funcionan moi ben ata os 45 anos. Pero vivimos máis do dobre, e emerxen enfermidades que nunca foron filtradas pola selección natural. Non sabemos como se pode solucionar. Aínda que inxectaramos novas células troncais, novas neuronas, habería que dicirlles a onde teñen que ir. Hai liñas de investigación traballando, pero é complicado porque esas células que se poden reproducir convértense con facilidade en tumores. Saber se poderemos aumentar os anos mentais dun ser humano é algo complicadísimo.

nacho.miras@lavoz.es

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
49 votos

«Somos bichos que funcionan moi ben ata os 45 anos»