Unha investigación que estuda as coníferas de crecemento rápido en España descarta podas en piñeiros con troncos de menos de doce centímetros de diámetro e rexeita o corte das pólas cuxo grosor rebase os tres centímetros, por mor da gravidade da ferida provocada nas árbores e das dificultades para a cicatrización do corte. Estas conclusións supoñen algunhas das achegas da tese de doutoramento «Influencia da poda no desenvolvemento de masas de Pinus radiata. D. Don e Pinus pinaster Aiton en Asturias», defendida na Escola Politécnica Superior do campus de Lugo pola doutoranda ovetense Andrea Hevia Cabal.
O catedrático do Departamento de Enxeñaría Agroforestal da USC, Juan Gabriel Álvarez, e o director científico do Centro Tecnolóxico e da Madeira de Asturias (Cetemas), Juan P. Majada Guijo, dirixiron a investigación do doutoramento de Andrea Hevia, cuxa tese mereceu a cualificación de apto cum laude por parte do tribunal avaliador, presidido por Klaus von Gadow e integrado polos doutores Isabel Cañellas Rey, Asunción Cámara Obregón, Fernando Castedo Dorado e Roque Rodríguez Soalleiro.
O obxectivo xeral da tese é a avaliación e a caracterización do efecto da poda no crecemento e forma das árbores de masas procedentes de plantación e rexeneración natural de Pinus radiata e Pinus pinaster en Asturias, dúas coníferas de crecemento rápido que constitúen un importante potencial forestal como produtoras de madeira no chamado Arco Atlántico.
As previsións indican que a demanda mundial de madeira seguirá a medrar nas próximas décadas, período no que tamén crecerá a demanda de madeira de calidade, sen nós, cun valor comercial moi superior. Para a obtención de produtos libres de nós é necesario que as actividades de xestión posteriores á plantación estean orientadas a maximizar o valor dos produtos finais, para que as podas e as claras se antollan como as actividades silvícolas máis determinantes na obtención de madeira de calidade.
A axeitada xestión dos restos de podas ou cortas tamén é un parámetro a ter en conta neste cometido, segundo mantén Hevia na súa investigación. Para facilitar esta xestión, que, segundo se subliña nesta tese de doutoramento, aínda é deficiente no ámbito de referencia, é preciso determinar ecuacións que permitan cuantificar a distribución da biomasa ao longo do tronco. O coñecemento destes datos posibilitarían asemade estimar o risco de iniciación e de propagación dos lumes nas copas, os máis perigosos e os que provocan máis danos nas masas destas especies de coníferas, segundo salienta esta investigadora.