«Son moi fan da Mariña polas tapas que dan nos bares»

Yolanda García Ramos
YOLANDA GARCÍA VIVEIRO / LA VOZ

LUGO CIUDAD

Tamén produce "Mr Smith & Mrs Wesson", curtametraxe que foi estreada en Mondoñedo

11 ene 2013 . Actualizado a las 16:12 h.

La Dékada en Covas (Viveiro) arrancará esta noite unha nova etapa do seu ciclo «Venres de monólogos» e farao con Víctor Grande (Ourense, 1979), ás 23.45.

-¿É a primeira vez que presenta espectáculo na Mariña?

-Non, xa estiven no mesmo local, hai dous ou tres anos.

-Se voltou de segundas é que a primeira vez foi boa.

-Claro, claro. Saíu ben e o local está moi ben. Coñezo ben Covas.

-Vostede naceu no interior galego e agora vén á costa. ¿Hai diferenza en canto ao humor?

-O humor galego é bastante homoxéneo. A retranca galega é igual na costa que no interior, aínda que as temáticas e a forma de falar si que cambian. Da Mariña chámame a atención a forma de falar. Son de Ourense pero vivo na Coruña, onde tamén teñen o seu idioma particular, o coruño, que se coñece bastante por Galicia adiante.

-Tamén podería existir, xa que logo, o «mariño», ¿non?

-Non estaría mal como nome (sorrí). Son moi fan da Mariña polas tapas que se dan nos bares, pois na Coruña non se estila moito, tes que pagar a tapa. Aí sempre che pasan a bandexa.

-¿En que se vai centrar o espectáculo «Que duda cabe»?

-Non é só monólogo, tamén hai parte con guitarra. Teño moitos temas. O habitual é que fale de min. Conto as miñas aventuras, de cando fun a Nova Iorque... Probablemente faga iso. Gústame moito interactuar co público, métome con eles, co que chega tarde, con aquel ao que lle soa o móbil. Xogo coa xente. Coa guitarra toco cancións satíricas, temas universais por dicilo de forma suave, e fago un pouco de crítica social, métome coa crise.

-Inevitable...

-Somos escravos do noso tempo. Aparte a boa comedia, o bo humor, sempre ten un pouco de acidez, a búsqueda da crítica... Intento non facer só humor básico, senón que lle dea por pensar, que incite á reflexión. Os que facemos comedia temos a posibilidade de dicir ante o micrófono cousas que non nos atreveriamos a dicir en público.

-Está trala produción de «Mr Smith&Mrs Wesson», curta estreada hai pouco en Mondoñedo.

-Foi un éxito, case enchemos o auditorio. A acollida foi moi boa. É unha curta de acción, algo que non se fai en Galicia. Conta coa maioría dos actores da serie Matalobos e o director é o seu director. É interesante.

-¿Como ve a saúde do sector dos monologuistas galegos?

-Somos moi prolíficos e temos moitos cómicos e moi bos, o problema é que non sexan moi valorados máis aló da fronteira de Galicia e non falo só de xente que podemos ver na tele, senón tamén da que actúa nos bares e nas cafeterías e non tiveron oportunidade de saír nun medio importante pero con eles o sorriso tamén está garantido. Por Lugo tedes a Carmen Conde, por por un exemplo, que está facendo moitas cousas por diante. En xeral hai moita calidade e talento e a base de oportunidades se irán dando a coñecer. O humor galego hai que reivindicalo e exportalo.